A cama do meu avó Manuel Sanmartín Méndez

Celso Fernández Sanmartín

GALICIA | 60 MINUTOS

9 febreiro | 20.30 horas

AUDITORIO NEIRA VILAS. BIBLIOTECA E ARQUIVO DE GALICIA

Duchamp colleu no ano 1917 un urinario de parede e púxoo deitado e asinado por R. Mutt nunha mostra organizada pola Sociedade de Artistas Independentes de Nova York, e chamoulle Fountain (Fonte). Fixo así algo que a poesía escrita levaba facendo desde sempre.

Esta peza de Celso Fernández Sanmartín, que sube á escena a cama real do seu avó, é distinta e completamente sinxela; non cambia de postura a cama, non a alcuma con outro nome, non quere dicir nada distinto de cama, tal e como nas nosas casas temos camas, e cadaquén comparte ou dorme na súa, así sexa a cama pegada ao chan ou un cartón feito cama.

A cama protagonista desta peza pertenceu a Manuel Sanmartín Méndez, o seu avó por parte de nai. E Celso Sanmartín constrúe un relato ao redor, que tamén o traslada a papel coa editorial Apiario. “Esta historia está composta nada máis ca de preámbulos e de querer coller a súa man, tan fráxil coma a pel dunha claudia madura das claudieiras do Rego de Prado, en Bermés, tan forte coma para plantar e recoller, e tan segura como para calmar”.

ENTRADAS