Empapelado amarelo

Melania Cruz & Tito Asorey

GALICIA | 60 MINUTOS

7 febreiro | 19 horas

SALÓN DE CONVENCIÓNS. EDIFICIO CINC

«Cando se publicou esta historia, un médico de Boston escribiu: “Unha historia como esta non debera terse escrito. Lela sería suficiente como para facer tolear a calquera”. Eu non pretendía facer tolear á xente, senón salvar a xente de tolear. E funcionou». Charlotte Perkins Gilman.

Empapelado amarelo é un espectáculo teatral unipersoal que parte do relato autobiográfico homónimo publicado en 1891 pola autora norteamericana Charlotte Perkins Gilman. Nel narra, en primeira persoa, as perniciosas consecuencias dun tratamento médico que lle fora diagnosticado por un coñecido doutor da época para combater o estado melancólico e depresivo no que se atopaba a raíz do nacemento da súa primeira filla.

Este tratamento consistía basicamente na eliminación de todo tipo de actividade intelectual e creativa, nunha dieta hipercalórica e nun encerro case total no seu fogar. Este remata por converterse nun cárcere onde ela, acostumada a unha intensa actividade social e artística, acabaría por achegarse ao abismo da existencia e ao límite da súa cordura.

A autora utiliza as claves do relato de terror gótico para denunciar os mecanismos de represión propios do heteropatriarcado sobre as mulleres da súa época, privadas de todo tipo de voz pública e pechadas nun sistema que as facía plenamente dependentes dos seus esposos. O empapelado amarelo é unha das mellores mostras da literatura feminista mundial do século XIX, que aínda hoxe é xerme de diversas interpretacións, revisións e novas lecturas por parte de artistas de todo o mundo, dado o seu carácter fundacional, onde a autora constrúe unha personaxe que representa un arquetipo contemporáneo da loita da muller por acadar a liberdade plena.

Ficha artística

Actriz: Melania Cruz
Director e dramaturgo: Tito Asorey
Escenógrafa e iluminadora: Laura Iturralde
Vestiario: Renata Uzal
Axudante de dirección e imaxe gráfica: Lucía Estévez

ENTRADAS