Obradoiro

Escoliña do espectador con Idoia Zabaleta

Do 8 ao 15 de febreiro | Inscrición en actividades@cidadedacultura.org: 40€ con acceso a todo o programa*

De 17h a 18.30h, día da presentación | De 16-18.30h, días 11 e 15| 16-19.30h, resto

Días 8 e 15, na Aula Didáctica | Os días 11,12,13 e 14, no Salón Teatro

Obradoiro de aprendizaxe dirixido a persoas espectadoras que queiran compartir a experiencia de acompañar de forma intensiva a programación de Escenas do cambio.

Idoia Zabaleta apunta que un bo espectador observa, selecciona, compara, interpreta, padece e decide que facer co que ten diante e a forma de relacionalo coa súa vida.

“Na Escoliña, as boas espectadoras compartiremos estas miradas, estes saberes e estes sabores e imaxinaremos o teatro como un espazo de encontro da comunidade, un lugar no que poder tomar conciencia da realidade e reflexionar conxuntamente”, adianta Idoia Zabaleta.

Cada tarde, os e as participantes xuntaranse para asistir ás pezas do festival. Sentaranse fronte ás  pezas e permanecerán xunto a elas en silencio. Despois, reuniranse noutro espazo e anotaranse as cousas saboreadas a noite anterior, as sabidas, as non sabidas, as escollidas, as destacadas, as marxinadas…

Durante un tempo, este caderno de notas colleitadas durante o festival serviralles aos e ás participantes da Escoliña para compartir e ampliar a lectura do mundo. “Imaxínome este acto como algo silencioso, cálido e lento”, proxecta Idoia Zabaleta sobre o proceso.

perFil

Aberta a todas as persoas interesada en acompañar como espectadora a programación de Escenas do cambio. En xeral, a toda persoa que crea que os relatos son máis grandes que as ideoloxías, e en concreto, a educadores/as, mediadores/ as culturais, estudantes, críticos/as, xornalistas, artistas, técnicas e espectadoras emancipadas. Tamén persoas interesadas na retransmisión deportiva, as sopas de letras, a astronomía, o sistema da arte, a saúde pública, as especies de compañía e os xogos.

Prazas

30 persoas

INSCRICIÓN

Enviar biografía e carta de motivación (como máximo un folio) á dirección de correo electrónico actividades@cidadedacultura.org

Data límite de presentación de solicitudes

Ata completar capacidade prevista para o taller.

A partir de aí, confirmarase praza, segundo a valoración da dirección, para formalizar a matrícula.

(*): Excepto a ‘Subida en tres actos’ e Obradoiro con Isidoro Valcárcel Medina