Subida en tres actos

Isidoro Valcárcel Medina

ESPAÑA | 60 MINUTOS

11 febreiro | 19 horas

MUSEO DO POBO GALEGO

“Polo horizonte asoma, non porque apareza, senón porque desaparece, unha certa imaxe da reiteración. Chámana estilo, clasicismo e cousas dese xénero. Entre as nosas mans, con todo, traballamos coas substancias da expresión máis pura. Queremos darlle á aparencia sentido de realidade… e tamén devecemos colocar as ideas ao nivel do cotián. Unha arte creativa (como por forza ten que selo) non deixa de parecernos o familiar, pero a oficialidade de todo tipo teima en facernos crer que é algo insólito. A arte é diaria, se é que nós queremos que así o sexa. Non é nada que chova dos ceos, se non que agroma na terra. Do mesmo xeito, cando chegue o seu momento, subir ou baixar non deixará de ser a experiencia do pasado con aire de actualidade, que é o que non queren os ‘expertos’ da cultura”. Isidoro Valcárcel Medina sobre Subida en tres actos.

Isidoro Valcárcel Medina (Murcia, 1937). Un dos artistas plásticos e conceptuais españois con máis prestixio. Ten na súa posesión o Premio Nacional de Artes Plásticas e o Premio Velázquez de Artes Plásticas, os dous maiores recoñecementos neste eido en España. O seu traballo ao longo de máis de corenta anos está dotado de gran rigor e coherencia. As súas propostas supoñen unha actitude comprometida e afastada dos aspectos comerciais da arte. A súa concepción artística pode entreverse nunha das súas afirmacións: “A arte é unha acción persoal que pode valer como exemplo, pero nunca ter un valor exemplar” e é a que guía o espírito da edición de Escenas de cambio deste ano.

Ao remate, encontro de Isidoro Valcárcel Medina con Juan de Nieves

 

Juan de Nieves (A Coruña, 1964). Comisario artístico, que leva máis de 20 anos no medio artístico concibindo e producindo proxectos curatoriales en museos e outras estruturas artísticas e educativas. Como comisario independente realizou exposicións con Rosa Barba, Miguel Ventura, Angel Vergara ou o mesmo Isidoro Valcárcel, entre outros. É ademais membro honorario da Asociación de Directores de Arte Contemporánea de España (ADACE).

ENTRADAS