MUSEO CENTRO GAIÁS Cidade da Cultura de Galicia. Monte Gaiás s/n

Principal escenario de Escenas do Cambio desde a súa primeira edición. A súa beleza e flexibilidade converten a este edificio da Cidade da Cultura de Galicia no espazo perfecto para acoller exposicións de gran dimensión, eventos culturais e espectáculos de artes escénicas.
Andar -1: Sala 1 e Sala 2.
Andar 0: Sala seminario, aula didáctica, cafetería do Museo e hall tirantes.

BIBLIOTECA E ARQUIVO DE GALICIA Cidade da Cultura de Galicia. Monte Gaiás s/n

Cabeceira do sistema de bibliotecas galegas e do patrimonio documental da nosa comunidade, a Biblioteca e Arquivo de Galicia reúne, conserva e difunde todo o patrimonio bibliográfico e documental de Galicia e facilita o seu acceso, xa sexa de forma presencial ou virtual. Peza chave para as actividades culturais relacionadas co libro, a lectura e as bibliotecas, a difusión da cultura galega é un dos grandes obxectivos desta institución. A súa sala de lectura será obxecto de ocupación artística neste Escenas do Cambio 2019.

TEATRO PRINCIPAL Rúa Nova, 21

Con capacidade para 434 espectadores, o Teatro Principal atópase na zona monumental compostelá e ofrece unha variada programación xestionada directamente polo Concello de Santiago, que é o seu propietario. O edificio foi construído en 1842 a partir do deseño do arquitecto Manuel de Prado y Vallo. Con todo, no ano 1988 levou a cabo unha importante reforma dirixida polos arquitectos Rafael Baltar, José A. Bartolomeu, Carlos Almuiña e Gerardo Salvador.

MUSEO DO POBO GALEGO San Domingos de Bonaval

O Museo do Pobo Galego ocupa o antigo convento de San Domingos de Bonaval, situado extramuros da cidade de Santiago de Compostela, na aba do monte da Almáciga e preto da Porta do Camiño, pola que os peregrinos do camiño francés acceden á cidade do Apóstolo. A Asociación "Padroado do Museo do Pobo Galego", constituída en Santiago de Compostela o 31 de xullo de 1976, ten como obxectivos investigar, conservar, divulgar, defender e promover a cultura galega en todos os seus ámbitos; e concretamente, crear e manter un museo ao servizo destes obxectivos.

SALÓN TEATRO Rúa Nova, 34

Situado na zona histórica de Santiago de Compostela, o Salón Teatro foi inaugurado de novo en 1999 tras unha intervención arquitectónica que permitiu recuperar para a escena este espazo do ano 1920, despois de dúas décadas sen representacións. Xestionado na actualidade pola Consellería de Cultura e Turismo, a través de Agadic, o teatro acolle a exhibición en Compostela de todas as producións do Centro Dramático Galego —que ten aquí a súa sede—, ademais dunha programación aberta ás distintas disciplinas escénicas, á música e ao cinema. A súa capacidade é de 272 butacas.