A Cidade da Cultura preséntase como un motor para impulsar proxectos innovadores no campo da cultura, o emprendemento e a tecnoloxía e un punto de conexión de Galicia co resto do mundo. Construída no cumio do Gaiás, un dos montes que rodean Santiago de Compostela, esta cidade que parece xurdir da terra eríxese como unha icona arquitectónica da Galicia contemporánea, dialogando coa Compostela milenaria, Patrimonio da Humanidade e destino do Camiño de Santiago.
Este espazo, destinado á cultura, ao emprendemento e á tecnoloxía, acolle:
Museo Centro Gaiás. A súa beleza e flexibilidade convérteno no espazo perfecto para acoller exposicións de gran dimensión, eventos culturais e espectáculos de artes escénicas. É o centro cultural e artístico da Cidade da Cultura.
Biblioteca e Arquivo de Galicia. Preservan a memoria bibliográfica e documental da comunidade e actúan como cabeceiras da rede pública de bibliotecas e arquivos.
Centro de Emprendemento Creativo. Acolle a Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), que impulsa o tecido empresarial no sector cultural, un espazo de coworking, un viveiro de empresas e unha área de empresas TIC.
Centro de Innovación Cultural (CINC). É sede da Fundación Cidade da Cultura e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, que aglutina os servizos tecnolóxicos da Administración galega.
O Edificio Fontán. Converte a Cidade da Cultura de Galicia nunha referencia en investigación e colaboración internuniversitaria e en estudos do patrimonio, acollendo o Centro Europeo de Investigación en Paisaxes Culturais, o Instituto de Ciencias do Patrimonio (dependente do CSIC) e servizos que dan apoio ás tres universidades galegas.
Espazos naturais. O Bosque de Galicia, o Xardín Literario, o Xardín do Teatro e o Parque do Lago son os espazos verdes cos que conta o Gaiás. Lugares nos que gozar da natureza, descansar, practicar deporte e hábitos de vida saudable a través da súa rede de sendas e admirar novas caras da cidade de Compostela.