É unha honra darvos a benvida á X Edición do festival Escenas do Cambio, un fito na vangarda das artes escénicas. Ao longo desta década, fomos testemuñas da diversidade de voces e expresións que desafían e transforman o noso panorama artístico contemporáneo.

É crucial recoñecer o legado dos nosos directores artísticos anteriores, Pablo Fidalgo e Lola Correa, cuxa visión segue a resoar na esencia do festival, que hoxe como espazo de encontro, actúa como un gran coleccionista de mapas, dedicando un a cada artista, edición e intención coa que foron propostos. Nesta décima cita, a esencia do festival maniféstase a través de oito pezas site-specific que dialogan entre elas para enriquecer cada momento. Estas obras crean unha conexión conceptual entre si, fomentando así unha práctica espacial crítica continua.

Comezaremos o día 3 de maio coas instalacións performativas da artista canaria Raquel Ponce e o portugués António Gonçalves. Este inaugura Corpo que se fai imaxe, unha revisión da súa primeira performance, Ecce corpus, de 1999, obra que explora o uso do corpo na creación artística. No noso desexo de coñecer a fondo os procesos creativos, xunto a el convidamos, en colaboración co Instituto Camões, ao escritor e investigador Pedro Eiras para presentar o seu ensaio Língua Bífida, sobre aquela primeira performance. Raquel Ponce indagará nos límites da súa obra e buscará a orixe da acción no verbo coa peza SED. Nela explorará a anatomía da linguaxe, construíndo novas paisaxes a partir da palabra e o noso espazo arquitectónico, despois dunha semana de residencia artística na Sala Eisenman.

Os bailaríns Andrés Corchero desde Cataluña e o xaponés Oguri desde Los Ángeles reencóntranse baixo o ceo galego en My neighbor sky e pactan descansar no cumio do Gaiás xunto a Espellos, do escultor Manolo Paz. Ao día seguinte, levarannos ao Xardín do Teatro para facer vibrar os textos de Antonin Artaud sobre a guerra e de Karl Valentin sobre a estranxeiría, nun xardín para os reencontros.

A Sala 1 do Museo Gaiás será o escenario de dous proxectos innovadores que converxen na creación dun particular espazo sonoro. Gallaecia Ensemble Barroco creará un Calidoscopio nun espazo escénico de 360 graos dentro do que interpretarán a icónica peza minimalista In C de Terry Riley. Antes, o director, artista e programador Mateo Feijóo será o encargado de dar lectura, nunha acción poética, á súa felicitación por esta década a modo de manifesto. Doutra banda, o bailarín estremeño Álvaro Murillo e o artista sonoro Artomático abordarán a composición en tempo real da peza Dual, baseada na tese doutoral de Murillo sobre o movemento creativo para previr o envellecemento motor e neuronal.

A creación galega segue tendo a nosa especial atención, e por iso gozaremos de tres novos espectáculos, dous deles estreas absolutas. Cris Vilariño e Diego M. Buceta lideran o primeiro, Millo Vello, unha coprodución do Centro Coreaográfico Galego que desafía a desconexión acelerada da sociedade actual cun dúo de danza e batería. O segundo volverá desde Berlín con David Loira e Blondi. Unha peza de estética provocativa que confronta posturas políticas actuais con eventos históricos, buscando crear beleza en resposta ao rexeitamento e á discriminación. O terceiro chega da man de Yuraq Walla e Emilio Horyaans, que presentan Remix X, unha enérxica sesión de DJ e creación visual que recupera imaxes das edicións anteriores do festival para pechar a nosa segunda noite de celebración na Rúa Nova de Santiago de Compostela.

Completaremos a programación con dous proxectos que converxen na investigación sobre a linguaxe, a memoria e a natureza. Rabaño sinfónico é un espectáculo itinerante inspirado na transhumancia, creado por Moon Ribas e Quim Girón, que convocarán ao público para camiñar xuntos polo Bosque de Galicia e as rúas de Compostela. Celebramos tamén a diversidade cultural nunha noite internacional en colaboración co Centro Dramático Galego. Contaremos con artistas de Romanía, Italia e Irlanda, que presentarán unha sesión de pezas curtas de teatro na fachada do Salón Teatro en ladino, yiddish e irlandés, ademais de galego.

Para despedir este décimo aniversario, convidamos a un grupo de artistas de prestixiosa traxectoria internacional. Laura Aris, desde Bélxica, ofrécenos Let sleeping dogs lie, unha peza íntima que reflexiona sobre a condición humana, explorando a (in)comunicación e navegando entre a memoria e a premonición. Damián Muñoz e Virginia García, pola súa banda, crearán a comunidade de mulleres Prusik, sumando catro bailarinas locais ao núcleo de La intrusa: Beatriz Pérez, Clara Ferrao, Marcia Vazquez e Raquel Ferradás. Mulleres que optan por construír un novo mundo, e segundo as súas creadoras, empuxarannos a asaltar o Edén e recuperalo.

Cada día, acompañando o programa estará o Comando Dramatúrxico, liderado por Afonso Becerra e conformado por un equipo multidisciplinario, seleccionado en convocatoria pública, que analizará o que ocorre dentro e fóra dos escenarios, ampliando así a difusión e reflexión sobre a experiencia artística, en sintonía coa visión do festival como espazo para as artes escénicas máis innovadoras.

Dez anos despois, Escenas do Cambio consolídase como terreo fértil para artistas diversos e emerxentes que exploran novas formas de expresión, espazo transformador onde o público participa activamente e que avoga por un retorno á esencia mesma da creación artística: a experiencia compartida, revelando os armazóns da sociedade do espectáculo e propoñendo un enfoque centrado nas persoas e nos lazos que nos unen.

Kirenia Martínez Acosta. Directora artística do Festival Escenas do cambio 2024