Gaiás, Cidade da Cultura
Escenas do cambio 2022

4–6 Maio 2023
FESTIVAL DE TEATRO, DANZA E ARTE EN ACCIÓN
Gaiás, Cidade da Cultura

Xunta de Galicia

4—6
MAIO
2023

FESTIVAL DE TEATRO, DANZA E ARTE EN ACCIÓN

GAIÁS, CIDADE DA CULTURA

Xunta de Galicia

Un encontro interxeracional entre profesionais da escena, xestores culturais e artistas para conversar sobre o que xa foi, o que está a ser e o que se espera no futuro para as artes escénicas.

Están convidadas a participar nesta conversa artistas, profesionais das artes escénicas, alumnado e profesorado vinculado á Escola Superior de Arte Dramática e ao Sistema Universitario Galego.

Nun ambiente de confianza e reciprocidade, debateranse cuestións como os cambios fundamentais que teñen vivido nas últimas décadas as artes escénicas e os profesionais do sector, ou a influencia do contexto social na creación, revisión e programación das obras, entre outros.

Este será o noso terceiro percorrido en feminino dentro do festival Escenas do cambio.

Nas dúas edicións anteriores, tivemos o pracer de contar coa presenza de artistas galegas do ámbito da danza e da dramaturxia. Nesta ocasión o percorrido corre a cargo de cinco poetas escénicas galegas.

Silvia Penas, Yolanda Castaño, Nuria Vil, Nieves Neira e Xiana Arias elixiron diferentes espazos da Cidade da Cultura para crear un percorrido poético coas súas voces.

A poesía como leito, como río que nos levará a lugares inexplorados, a escenarios improvisados. A poesía como encontro, como dispositivo escénico. A poesía como reflexo artístico, visible e vehemente. A poesía, que tanta falta nos fai.

Lola Correa

“Me fui con mis palabras a la calle. Las abrazo, las escojo. Soy libre. Aunque no tenga nada” – Gioconda Belli

 

 

Idioma da tinta. Yolanda Castaño

O que separa a poesía galega escrita hoxe por mulleres e a sociedade é con frecuencia unha placa transparente, un vidro que tanto afasta como deixa ver.

Como facermos que os libros non fiquen dentro das súas vitrinas, mercadoría inmaculada? Como combatermos a espectacularización da cultura escrita, logrando que todo un idioma de tinta bote a falar desde o escaparate?

Hai para a poesía galega escrita hoxe por mulleres un teito ou é apenas un muro de cristal?

O compositor Isaac Garabatos pon música orixinal aos poemas de Yolanda Castaño nun diálogo interdisciplinar envolvente de 15 minutos de duración. Un recital expandido que pon en escena un par de temas recollidos no libro-disco Idioma da Tinta, cargado de expresividade, provocación unhas veces e sutil elegancia outras.

Yolanda Castaño.- Poeta, editora e premiada xestora cultural con 28 anos de desempeño e a súa propia Residencia para Escritores/as en Galicia. Os seus oito poemarios valéronlle galardóns coma o da Crítica Española, o das Librerías de Galicia, o Ojo Crítico, o de Afundación ou o González Garcés. Completan a súa bibliografía antoloxías persoais (bilingües, con música, en cómic poético…), plaquettes en seis idiomas, títulos en inglés, francés, italiano, esloveno, serbio, macedonio e armenio, obras como editora, biógrafa de poetas ou tradutora, e sete poemarios para crianzas. Pioneira e premiada fusionadora de poesía con outras artes, e distinguida con bolsas de creación en residencia en Rodas, Múnich, Beijing, Escocia, Andalucía, Finlandia, Galicia e California, ten amosado a súa obra por máis de corenta países de Europa, América, Asia e África.

 

Cortar, refogar, afogar. Silvia Penas

Unha peza de poesía en acción, con intervención sonora de guitarra eléctrica e percusión en directo. Unha reflexión arredor do cabelo das mulleres como campo de batalla e como elemento simbólico onde se enguedellan mensaxes subversivas e de liberdade, pero tamén de exterminio e submisión. As rapadas do franquismo e outros réximes totalitarios, as trenzas das escravas que delineaban rutas de fuga, ou as recentes protestas en Irán que levantaron unha onda de sororidade a escala mundial son algúns exemplos de como as cabeleiras femininas foron e continúan a ser branco, escusa, vértice de conflitos e acontecementos históricos. Aproximadamente 70 micróns de diámetro serven para soster o peso mesto da humanidade.

Silvia Penas.- Silvia Penas (Vigo, 1980) é poeta, performer e creadora. O seu traballo ten como punto de partida a escrita de textos, cunha forte vocación de indagar na poesía escénica e outros formatos de poesía volátil ou efémera. Principal é tamén nos seus proxectos a experimentación arredor da fusión da poesía con outras disciplinas artísticas. Canda o músico e videocreador Jesús Andrés Tejada crea o dúo en activo de poesía escénica, música e videoarte Cintaadhesiva. Ten publicados cinco libros de poesía: Biografía da multitude, As uñas crecen, Diario de ladras, bailarinas, asesinas e flores, Fronteira Paraíso e O resto é céu, varios deles premiados en diferentes certames.

 

Placa. Clo Plas (Xiana Arias e Berio Molina)

Que así lle chamo eu á terraza de cemento. Sen varandas. A ela o que lle gustaba era estar na placa ao sol. E asomarse. Polo visto, o merlo ten máis de trinta cantos distintos. A natureza pretende o abstracto para nós. Pin, pin. Clin, clin. Clo plas. Dúas voces, dous paus. Baixa fidelidade. Tenro radical. Non sigas a pelota ata o final.

Clo Plas.- Dúo formado por Xiana Arias e Berio Molina en 2020. Soa a rap minimalista e a retrousos de vocación popeira de baixa fidelidade. O seu primeiro EP ‘bafi’ foi gravado e producido polo Hevi e publicado ao abeiro da Regueifa plataforma en 2022.

Berio Molina (A Fonsagrada, 1979) é artista e programador centrado na arte sonora, audiovisual e de acción. Foi membro dos colectivos Flexo e Escoitar.org e da Comunidade de Arte e Acción libre Alg-a.

Xiana Arias (A Fonsagrada 1983) é escritora e xornalista. Traballou na Radio Galega, nos programas Diario Cutural e Onda Vital, entre 2005 e 2020. Formou parte do grupo Atrás Tigre co que editou o disco longo Fainos Saír en 2017. Publicou os poemarios Ortigas (Espiral Maior 2007) e Acusación (Galaxia, 2009) e o relato «As Tigresas» no volume colectivo O ano do tigre (Rodepris, 2022).

 

espazo a vulnerar. Nuria Vil e Iria Silvosa

a corpa esténdese na pronuncia da dúbida

Espazo a vulnerar preséntase como unha peza híbrida na que imaxe analóxica, palabra e son dan a man para explorar as súas posibilidades. A partir da música experimental de MorlitaM, Nuria Vil e Iria Silvosa crean unha paisaxe sensorial a través da que transitar a construción da propia identidade.

Nuria Vil (Nuria Vilán Prado – Santo André de Comesaña).- Resitadora. Diversifica os seus intereses nun intento de sosterse como creadora autónoma. Desde 2016, forma parte do espectáculo de poesía escénica Dúas Gamberras e un Micro e da plataforma de crítica literaria A Sega; xestiona un perfil na páxina de mecenado Patreon e na canle de YouTube de divulgación cultural Coidado coa Cadela. Traballa como correctora editorial e tamén imparte obradoiros arredor da creación poética e do galego. Simún (Chan da Pólvora, 2021) é o seu primeiro e único poemario escrito. O transfeminismo, a conciencia antirracista e a vindicación social vertebran a súa forma de crear e de posicionarse no mundo.

Iria Silvosa.- Creadora audiovisual especializada en montaxe e centrada na composición a partir de soportes analóxicos. É socia traballadora na cooperativa Numax e combina a rama cinéfila coa creativa a través da realización de pezas en Super-8, MiniDV ou calquera outro soporte considerado amateur que se lle pase por diante.

 

Tornasol. Nieves Neira

Nieves Neira (poesía) e Rafael Mallo (música) dialogan nesta peza cun poeta que, hai mil anos, lanzou o corazón dunha ave, do poema, até nós. Ibn Hisn é o nome que recollemos, o camiño do arco que tensa a escrita, o paxaro que canta nesta proposta experimental de son, corpo e voz.

Nieves Neira.- Naceu en Lugo no ano 1983 e nesta cidade traballa como xornalista, ámbito polo que levou o premio Johán Carballeira. Publicou o poemario Neve de agosto (Chan da Pólvora, 2022) e é coautora de O feitizo de Maruja Roca (aCentral Folque, 2020). Ten colaborado con artistas como Carla Andrade (Geometría de ecos, Cando os ollos non bastan), Sabela Mendoza (Dedicatoria), Luís López Alonso (Salífero opus 4), Olalla Caamaño e Cris Vilariño (Trenza) e Rafael Mallo (Tornasol), así como coas integrantes da asociación luguesa de artes escénicas 3 monos, coas que mantén unha intensa amizade creativa. É estreita colaboradora da Fundación Uxío Novoneyra e tamén participa do Espaço Llansol, en Lisboa, autora da que coeditou a obra Fulgor. Lectura danzada de Maria Gabriela Llansol (Ámboa, 2019).

Ficha técnica

Galicia | 75 min | 9 €
Idioma: galego
Punto de encontro na entrada da Biblioteca

IDIOMA DA TINTA: Yolanda Castaño e Isaac Garabatos

CORTAR, REFOGAR, AFOGAR
Creación, dirección, texto e voz: Silvia Penas
Guitarra eléctrica: Jesús Andrés Tejada
Percusión: Chucho González

PLACA: Clo Plas - Xiana Arias e Berio Molina

ESPAZO A VULNERAR
Imaxe analóxica en directo: Iria Silvosa
Música: MorlitaM
Palabra falada: Nurial Vil
Fotografía: © Dania Pol

TORNASOL: Nieves Neira (poesía) e Rafael Mallo (música)

Estrea absoluta

O dúo Sons-Nús, formado polo contrabaixista de jazz Baldo Martínez e a cantante Maite Dono, abre o seu espectro de busca cunha formación paralela de catro-cinco-pés: CatroNubes. Dous músicos, Ton Risco (percusión e vibráfono) e Xosé Miguélez (saxos e frauta), e o artista socio-plástico Anto Lloveras, abren esta nova liña do dúo que se estreará na Cidade da Cultura de Galicia, como colofón da novena edición de Escenas do cambio. Camiñarán a partir de antigos temas do dúo, nados arredor da figura do poeta do Courel, Uxío Novoneyra, recreados para este novo proxecto, á vez que estrearán novas pezas que han de ser o gromo do seu novo traballo, xa bautizado como Pan de Neve: jazz, tradición, experimentación sonora/plástica e poesía serán as ferramentas de investigación para este cuarteto que debuta en Santiago Compostela.

 

Sons-Nús

Nace no ano 2010 para crear un traballo minimalista arredor da poesía e a música. Tomando o nome dese primeiro traballo —Sons-Nús—, o dúo formado por Maite Dono e Baldo Martínez continúa investigando sempre desde a nudez creativa; partindo do jazz, o folclore e a libre improvisación.

Contrabaixo e voz en sinxela amálgama, pretenden percorrer un camiño desde a escoita atenta á natureza viva e á palabra; aos ecos que deixan reverberando no ar os poetas; á música agachada entre as dobras da cotiandade e o silencio. Versatilidade, non-definición serían conceptos aplicables á súa proposta.

Sons-Nús convértese no que daría en chamarse un dúo de peregrinación artística aberto á recollida e á investigación; sen rumbo prefixado pero seguros de que a viaxe pasa pola observación atenta e o respecto ao pequeno.

Para dar comezo a este novo proxecto que se estrea en Escenas do cambio, parten do traballo que vén de atrás, é dicir, o acompañamento poético-espiritual do poeta Uxío Novoneyra, xunto coas voces ancestrais do canto tradicional de Galicia. Desde este porto, partirán cara a novos lugares sen esquecer en absoluto de onde veñen. A idea é ir facendo escala en cada lugar, dando tempo ao tempo, á asimilación pausada de todo o novo que se lles brinde na viaxe.

Este é o novo camiño que con entusiasmo emprende Sons-Nús.

Ficha técnica

Galicia | 75 min | 9 €

Voz: Maite Dono
Contrabaixo: Baldo Martínez
Saxo: Xosé Miguélez
Vibráfono: Ton Risco
Arte: Anto Lloveras

Estrea absoluta

Aquellas que no deben morir é un espectáculo que coloca na esfera pública un tema aínda tabú: a morte e a súa xestión privada. Para iso, Las Huecas traballan a partir dos imaxinarios (ás veces precarios) que as xeracións novas teñen sobre os procesos de traspaso.

Desde unha perspectiva política e poética, o espectáculo lanza luz aos abusos da industria funeraria e á capitalización do deceso. Trátase dunha posta en escena a medio camiño entre o teatro documental e a experimentación dos rituais, onde, ademais das performers, interveñen Núria Isern, traballadora do sector funerario e Júlia Sánchez, activista pola soberanía da morte. Aquellas que no deben morir é unha proposta emancipadora porque permite interromper os relatos convencionais sobre o morrer, unha experiencia teatral que se definiu desde a crítica como “algo que non podes nomear, pero que cando o tes diante, sabes que non o viches antes’’. Espectáculo gañador do premio Apuntador 2021 e premio Novaveu da Crítica.

Las Huecas

Nace no ano 2016 co obxectivo de levar a cabo creacións escénicas desde a práctica colectiva. Como agrupación transitan por todo tipo de identidades: investigadoras etnógrafas, banda de punk ou debuxantes de cómic. Sitúanse nunha estética híbrida; herdeiras da tradición paródica e satírica catalá, influenciadas polas propostas do teatro documental, polas teatralidades visuais e do obxecto e, finalmente, polas experiencias liminares da performance. Traballan a partir dun carácter netamente investigador a noción de performatividade “da retirada’’, a vulnerabilidade dos corpos, os xogos febles dos códigos teatrais, o xogo de máscaras das identidades individuais, a dramaturxia permanente e fragmentaria así como a abolición das estruturas xerárquicas na creación.

Ficha técnica

Cataluña | 90 min | 9 €
Idioma: castelán

Creación: Colectivo Las Huecas
Performers: Esmeralda Colette, Andrea Pellejero, Núria Corominas, Júlia Barbany
Composición de espazo sonoro: Adrià Girona
Dirección técnica: Sofía A. Martori
Deseño de luces: Ana Rovira
Artefactos: Dani García
Asist. procesos de dó: Júlia S. Cid, parte de Som Provisionais
Asist. funerario: Núria Isem
Produción: Esther Fernandes
Fotografía: Roc Pont, Helena Roig e Mila Ercoli
Co-produción de Antic Teatre, La Infinita de l'Hospitalet e Festival TNT

Estrea en Galicia

Háblame, cuerpo é parte de Looking for Pepe, un estudo iniciado por Nazario Díaz en 2016 que parte da figura do artista cordobés Pepe Espaliú (1955-1993) para despregar unha serie de investigacións en torno ao corpo, á linguaxe e ao territorio. Háblame, cuerpo toma o seu título do texto que Juan Vicente Aliaga escribiu con motivo da exposición realizada no Pavillón Mudéjar de Sevilla en homenaxe a Espaliú en 1994, un ano despois do seu falecemento por mor do virus da SIDA. O estudo ao redor de Espaliú e como desenvolveu vínculos entre a súa obra e a súa circunstancia, marcada pola enfermidade, nun momento social e político en plena transformación, inspira un traballo ao redor da materia que muta ou desaparece, e á idea de desgaste e de suxeición dun corpo entendido como existencia física e social.

“Propoño un acto de resistencia que vincula aspectos como a transformación fonética do meu fluxo vocal, a noción de circularidade ou a idea do borrado a través da insistencia; colocando o meu corpo en colisión coa linguaxe e con certa vontade de oscilación xeográfica e identitaria”.

 

Nazario Díaz

Nazario Díaz (Linares, Xaén) desenvolve o seu traballo principalmente no terreo das artes performativas, poñendo o foco na tensión xerada entre corpo, mirada e escritura. Forma parte de Vértebro, xunto a Juan Diego Calzada e Ángela López, con quen comisaría en Córdoba o festival Beautiful Movers. O seu paso polo Máster en Práctica Escénica e Cultura Visual da Universidad de Castilla-La Mancha, ARTEA e o Museo Reina Sofía, permítelle un contexto crítico no que desenvolver o proxecto Looking for Pepe, que reúne intereses previos ao redor de dous conceptos centrais: presenza e resistencia. Como intérprete traballou, entre outros, con Jorge Gallardo, Isaak Erdoiza ou Societat Doctor Alonso. Desde finais de 2018, en Bilbao, participa en dous contextos colectivos de aprendizaxe: PICA, un programa intensivo de acompañamento a unha comunidade temporal de artistas e investigadorxs que tivo lugar en Azala (Vitoria-Gasteiz), conducido por Idoia Zabaleta e Luciana Chieregati, e o programa Invitación, unha proposta de Coletivo Qualquer para investigar e intercambiar metodoloxías e ferramentas provenientes do ámbito das artes vivas.

O seu traballo foi apoiado institucionalmente e presentado en contextos como Terrassa Noves Tendències (Barcelona), Reims Scenes d’Europe (Francia), Encuentro Internacional de Artes Vivas de Tlalpan (Ciudad de México), Naves Matadero– Centro Internacional de Artes Vivas (Madrid), Graner/Festival sâlmon< (Barcelona), Azkuna Zentroa/Alhóndiga (Bilbao), Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofia (MNCARS, Madrid) ou a Academia de España en Roma (Italia).

Actualmente reside entre Bilbao e Lisboa, onde desenvolve os proxectos Otro borrado a través de la insistencia, dentro do marco do Programa Avanzado de Creación en Artes Performativas, comisariado por João Fiadeiro para Forum Dança (Lisboa), e Conversation pieces, xunto ao coreógrafo vasco Isaak Erdoiza, unha investigación ao redor de cuestións sonoras relacionadas co ámbito coreográfico.

Ficha técnica

Andalucía | 50 min | De balde

Creación e interpretación: Nazario Díaz
Fotografías: Patricia Nieto

Entrada libre ata completar capacidade

A fraxilidade do paseo, do que pasa, do que foxe, da conversación peregrina que nos leva, buscando algo, dun lugar a outro; aceptando o desarraigamento e asumindo o desexo de mostrar un saber torcido, iluminado oblicuamente.

Nesta forma de pensar coas tripas que nos caracteriza, recoñecemos “o que non pode dicirse e só pode ser mostrado” sen necesidade de preguntarnos se é verdadeiro ou se ocorreu realmente.

Quen falou da utopía da fuxida, sabe que non ten onde. Converteuse en global, xa non é privilexio exclusivo europeo, a historia non se escribe xa en Europa.

A casa Europa. Entón, a que casa mudarse? Con que petos? Seguimos atrapados no tempo cronolóxico, o tempo da historia, proxectándonos continuamente cara a un futuro pero cargando con todo o peso do noso pasado —convertido en ruínas pero moi ben conservado e arquivado—.

Ante a fraxilidade das ruínas, fantaseo cunha Europa lavada ou arrasada pola choiva, na que fose varrido o eurocentrismo. Unha Europa porosa, capaz de ser observada, construída, habitada desde outras perspectivas, tamén cos seus propios ollos, os nosos ollos.

Quizais a auga de choiva nos faga máis flexibles. Quizais nos permita recuperar a inxenuidade necesaria para poñer outro prato na mesa.

Ana Vallés

 

Matarile Teatro

Os seus directores artísticos, Ana Vallés e Baltasar Patiño, fundan a compañía no ano 1986 en Santiago de Compostela, onde tamén son promotores de espazos de exhibición para a creación contemporánea. En 1993 e ata 2008 crean e xestionan o Teatro Galán, espazo destinado á programación e difusión do teatro e a danza contemporáneas en Galicia. Entre 1993 e 2005 o Teatro Galán foi destinado á programación e á creación, con máis de 1.300 actuacións realizadas. Nos seus tres últimos anos de vida destínase unicamente á creación e residencias artísticas.

De 1995 a 2007 impulsan o Festival Internacional de Danza en espazos urbanos En Pé de Pedra. En 2017 crean un espazo im-permanente e independente de exhibición, a SaLa Montiel. Puxeron en escena máis de 30 espectáculos, incontables performances e propostas sen formato concreto, cos que a compañía alcanzou máis de vinte premios e mencións en distintos puntos de España e Europa.

Os espectáculos de Matarile e Ana Vallés presentáronse en cidades como: Boston, Belgrado, París, Novi Sad, Porto, Leipzig, Boloña, Dresden, Edimburgo, Almada, Bayonne, Bucarest, Rennes, Dinan, Douarnenez, Lanester, Brasília, Tavira, Varsovia, Viana do Castelo, Cluj-Napoca, Timisoara.

Ficha técnica

Galicia | 90 min | 9 €
Idiomas: galego e castelán

Elenco: Pau Cólera, Antón Coucheiro, Claudia Faci, Celeste González, Alfredo Pérez
Texto: Ana Vallés
Outros textos: Mircea Cartarescu, George Steiner, María Zambrano, Pau Cólera, Antón Coucheiro, Claudia Faci, Celeste González, Alfredo Pérez
Iluminación: Miguel Muñoz
Espazo: Miguel Muñoz, Ana Vallés, Rubén Vilanova
Coreografía: Intérpretes e Ana Vallés
Son: Matarile
Edición de son: Xacobo Castro
Fotografía e vídeo: Rubén Vilanova
Deseño gráfico: Diego Blanco
Vestiario: Matarile
Asistentes de dirección: Daniel Baamonde e Nuria Sotelo
Acompañamento: Enrique Gavilán, Javier Méndez Oro, Isabel Iglesias, Pablo Sánchez, Jacobo Bugarín
Produción e coordinación Matarile: Laura Sánchez
Axudante de produción: Marcos Vieitez
Distribución: Laura Sánchez
Coprodución: Teatro Español, Centro Dramático Galego e Matarile
Coa colaboración de Festival Escenas do cambio, Fundación Cidade da Cultura, A Casa Vella e Talía Teatro

Estrea Absoluta

ONE NIGHT AT THE GOLDEN BAR é unha declaración de amor cursi e musicada desde unha mirada queer; a procura dun estado de vulnerabilidade que poña en evidencia o poder dos afectos e a beleza que se esconde na fraxilidade. Desde o imaxinario da figura celestial do anxo atravésase unha choiva de cuestións: que masculinidade nos goberna, que fraxilidades e gretas non se están mencionando, que identidades están nun lugar vulnerable e monstruoso ao mesmo tempo, como cantar ao amor desfasado, ao amor infinito, politicamente incorrecto, insurrecto, sacrificado. Como imos protexer a estes corpos e identidades cando griten publicamente como senten cando aman; poida que agora sexa o momento de contraatacar. Hai unha forza en todo o extremadamente fráxil, como dixo Rilke “todo anxo é terrible” e como dixo Ana Torroja en La fuerza del destino: “unha noite no bar do ouro decidín atacar”. Este é o ataque do bar do ouro, unha abordaxe.

 

Alberto Cortés

Alberto Cortés (Málaga, 1983). Director de escena, dramaturgo e performer das súas propias derivas. Licénciase na ESAD de Málaga en Dirección de escena e dramaturxia e en Historia da arte na UMA. En 2009 comeza o seu camiño escénico desde unha dramaturxia bastarda e periférica que se foi facendo máis salvaxe co paso do tempo. Non deixou desde entón de bater con diversas creadoras e amigas que inspiraron o seu camiño, e de xerar pezas de distintos formatos e disciplinas, nun intento de seguir tendo esperanza no intanxible e no humano. O seu traballo desenvolveuse ao longo dos anos a través de pezas de teatro, danza, performance e tamén folclore, flamenco ou site-specifics; acompaña procesos doutras creadoras desde a dirección e a dramaturxia, e imparte obradoiros a modo de encontros onde comparte as investigacións que atravesa. Ultimamente o seu camiño detívose na idea de entender o escenario como o espazo do desexo e na relación romántica co espectador. En 2022 publica Los montes son tuyos coa editorial Continta me tienes, que recolle os textos das súas dúas últimas pezas, El Ardor e One night at the golden bar. A día de hoxe habita a súa identidade sendo creador, performer, director, dramaturgo, acompañante, docente, fillo, irmán, tío, amante, amiga. www.comoseralbertocortes.com

Ficha técnica

Andalucía | 55 min | 9 €
Idioma: castelán

Concepto, dramaturxia, textos e interpretación: Alberto Cortés
Música e espazo sonoro: César Barco Manrique
Iluminación: Benito Jiménez
Vestiario: Gloria Trenado
Asistencia en movemento: María Cabeza de Vaca
Asistencia no espazo escénico: Víctor Colmenero
Fotografía e vídeo: Alejandra Amere

Coa colaboración de Teatro Calderón de Valladolid, Junta de Andalucía (Residencias Ágora), Conde Duque, Graners de Creació
Agradecementos: La Poderosa, Labo XL, Rebeca, Iver, Claudia, Mariquiña, Esther e Peru

Estrea en Galicia

Benvidas ao casting para o papel de Grace, a protagonista da non-película Washington de Lars Von Trier. Despois de Dogville (2003) e Manderlay (2005), Washington tiña que pechar o tríptico de Von Trier sobre a debilidade humana, pero nunca pasou de ser un borrador. A película existe tan só como posibilidade, como potencia.

Máis aló do guión, a proposta enlaza neste sentido con aquilo que interesaba a Von Trier dos mecanismos da ficción: cuestionar un sistema que debuxa os límites do real e o normativo cun rotulador demasiado groso. As súas películas propoñen preguntas sobre que pode ser “verdade”, tanto diante como detrás da cámara —e que non—.

Matías Daporta

Artista multidisciplinar, xestor cultural e comisario. O seu último traballo, #spanishwashing, é un proxecto de investigación realizado entre xuño de 2016 e febreiro de 2020 sobre as estratexias de homoxeneización cultural actuais, composto de pezas de diversos formatos que se foron dando a coñecer no museo A Neomudejar, AADK Murcia, Cumplicidades de Lisboa, ARC en Suíza, NAVE en Santiago de Chile e a galería UVE en Buenos Aires, e impartindo un taller de dez días en NIÑO, Uruguai.

Ademais, é o comisario do festival de artes vivas e internet Gústasme Pixelad_ en LaCasaEncendida (Madrid) e co-dirixiu LaJUANGallery xunto a Juan Gómez Alemán ata principios do 2018. Creou a iniciativa Annonymous Museum for Unsigned Works, en Ámsterdam, onde se ofrece un espazo seguro para aquelas artistas cuxas obras expoñen riscos sociais e políticos cara ás súas persoas. É tamén un dos fundadores do festival de danza Corpo(a)Terra en Ourense.

Outros traballos artísticos seus foron presentados en contextos internacionais como Veem, Arti et Amicitiae, Corridor Space Project e Frascati Theatre (Ámsterdam); Projection room en Bruxelas; Oxo Tower en Londres, Centre of Mental and Physical Well-being de Bristol; A Casa do Povo en São Paulo; e a Sala Gaivotas, Espaço Comercio, Teatro Ibérico e Sala Trindade en Lisboa. Recibiu apoios de AFK da Cidade de Ámsterdam, AGADIC en Galicia, axuda a produción da cidade de Madrid, INJUVE e bolsas PICE á mobilidade.

 

Ficha técnica

Galicia | 90 min | 9 €
Idioma: castelán

Director: Matías Daporta
Idea: Matías Daporta e Deniz Buga
Acompañamento: Ignacio de Antonio Antón, Julián Pacomio e Deniz Buga
Guión: Matías Daporta
Edición e acompañamento de guión: Ignacio de Antonio Antón, Julián Pacomio e Deniz Buga
Casting: Caasting.com
Directora de casting: Alejandra Allaf
Actriz de réplica: Daniela Jacques
Actrices audicionando: Maria Roja, Sara Laya e Alicia Casas
Pértega: Julián Pacomio
Deseño de escenografía: Matías Daporta e Julián Pacomio
Vestiario: Matías Daporta
Cuarteto de corda: colaboración coa Orquestra da Universidade de Santiago de Compostela
Vídeo: Alba Sastre
Produción: DESFOGA
Asesoría xurídica: Ania González
Investigación: Matías Daporta en colaboración con Zentropa
Cesión de vestiario: Bottingaard

Agradecementos: a todas as persoas que viñeron ler o guión nos seus diferentes estados e alimentáronnos cos seus comentarios; a Fábrica de Creación L’Estruch
Co apoio de: Teatre Lliure e Becas Carlota Sotdevila, LaPoderosa

Estrea en Galicia

A compañía Kirenia Danza presenta Afectos, a terceira entrega da súa triloxía coreográfica Os vulnerables. Esta tríade de producións enfócase no impacto da pandemia da COVID-19 nas persoas migrantes e na súa rede de afectos. A compañía demostrou o seu compromiso con este tema ao longo de dúas producións previas: E-migrantas en 2020 e Primeiro a vida! no 2021, que abordaron a necesidade dun cambio no modelo actual de xestión das crises sociais. Nos últimos anos, a pandemia puxo de manifesto a importancia de protexer os dereitos fundamentais das persoas migrantes e desprazadas, sexa por motivos económicos, crises climáticas, persecucións por motivos políticos, étnicos ou de tendencia sexual, conflitos ou outras causas. Moitas persoas, incluídas as artistas de danza, víronse afectadas durante a crise da COVID-19 e precisaron axuda. A obra Afectos sitúanos ante unha reflexión alegórica do patrimonio humano da migración, como son o Camiño de Santiago en Galicia, o Kumano Kodo en Xapón, os corredores humanitarios de Ucraína, ou as novas rutas de emigración centroamericana. Afectos é unha homenaxe á complexidade das emocións humanas e unha invitación a conectarse co noso propio ser emocional. Un convite ás audiencias a reflexionar sobre a importancia da solidariedade en tempos difíciles.

Kenia Espiñeira

FICHAS POLICIAIS (fai clic en cada imaxe para descargar)

         

Kirenia Danza

Kirenia Danza é unha compañía galega de danza, fundada en 2019 por Kirenia Martínez Acosta, coreógrafa, bailarina e actriz, quen co-dirixe paralelamente a Cía. Entremáns desde 2006. O traballo de creación coreográfica de Kirenia Danza busca unha liberdade nas imaxes e os xestos para que actúen como “cartas de presentación” dos sentimentos e emocións, a buscar que estas resoen no corpo e a corporalidade das intérpretes. O seu método creador resúmese na magnitude coreográfica do impromptu e a itinerancia (o improvisado, o emerxente), a determinar unha linguaxe coreográfica singular, onírica, poética, onde as intérpretes toman un papel definitivo sobre as accións, as palabras, o pensamento, a fluír ata chegar ao concepto do discurso exposto.

Actualmente combina as creacións propias con encargos coreográficos, colaboracións cinematográficas, literarias e proxectos formativos e de cooperación europea con outras entidades no nivel internacional, entre as que sobresaen: E-migrantas, primeira parte da triloxía Vulnerables; Instante Gradual, seleccionada na primeira convocatoria de Mobilidade Europea I-Portunus; Vagaface, Brumalión e o Can de Pedra, baseada nun conto inédito de Uxío Novoneyra e estreada no Teatro Aeroplio de Atenas; Otero, la bailarina española, proxecto de investigación coreográfica gañador do primeiro concurso do I Laboratorio coreográfico da SGAE, Tres tristes 2.0 e Primeiro a vida!, segunda entrega da triloxía Vulnerables, estreada o 23 de abril 2021.

Ficha técnica

Galicia | 60 min | 9 €

Autoría/Coreografía: Kirenia Martínez Acosta
Dirección: Kirenia Martínez Acosta
En escena: Estefanía Gómez, Leodán Rodríguez, Cristian “Bal” Castro e Kirenia Martínez
Poesía: Antón Reixa, Demián Ravilero, Uxío Novoneyra
Asistencia en textos: Keina Espiñeira por cortesía de ESOMI (UDC)
Asistencia en dramaturxia: Alejandra Aguirre
Vestiario: Jandro Villa
Servizo técnico: Equipo Creativo RTA
Deseño de luces: Diego Vilar
Espazo sonoro: Bruno Baw e Sumrrá
Deseño gráfico: Niko Alvarellos
Fotografía: Kirenia Danza
Produción: Uxío Novo por cortesía da Fundación Uxío Novoneyra, Paulo F.M. e Serea Films
Coprodución: Centro Coreográfico Galego, Agadic, Xunta de Galicia
Distribución: Kirenia Danza e Serea Films

Estrea absoluta

Un poema escénico escrito e dirixido por Roberto García de Mesa e interpretado por Ylenia Quintero, Delia Hernández e Ylenia de Luis acerca de catro dualidades que afectan profundamente ao ser humano hoxe en día: o corpo-non corpo; a soidade-non soidade; a opresión-non opresión e o tempo-non tempo.

 

Roberto García de Mesa

Roberto García de Mesa (Santa Cruz de Tenerife, Illas Canarias) é poeta, dramaturgo, narrador, ensaísta, filólogo, comisario de exposicións, director de escena, artista visual e músico. Licenciado en Dereito, Filoloxía Hispánica e Doutor en Filoloxía Hispánica, ten publicados máis de setenta libros de poesía, teatro, narrativa breve, ensaio, conversacións, obra gráfica e edicións críticas, así como cinco CDs coas súas composicións musicais Textos seu traducíronse a varios idiomas: inglés, grego, rumano, francés, italiano, eslovenio, alemán e portugués, e publicou en revistas de 19 países. Creou a súa propia compañía de teatro en 2015 e é académico da Academia das Artes Escénicas de España.

Unha vintena de pezas súas foron levadas á escena, tanto pola súa propia compañía como por outros grupos. Entre elas, Meditaciones en (6) (2008), El no actor (2011), Hamlet post scriptum (2012), La edad del frío. Conversaciones con Antígona (2015), 1/3, Refugio, Luminarias, Oratorio on/off, Isla mínima (2018), Naturaleza muerta sobre fondo blanco, Segismundo golpea primero, Variaciones de la razón (2022). Gran parte dos seus textos destinados para a escena foron editados e publicados en editoriais especializadas. As súas últimas publicacións inclúen Variaciones de la razón y otros textos (Ediciones Invasoras, 2020), Obras de teatro. Selección (Roma, traducido ao grego por Ifigenia Ntoumi, 2021) e Combate después del paisaje (Invasoras, 2023).

Ademais de traballar no ámbito da creación, ten investigado algunhas da correntes renovadoras das artes escénicas dos séculos XX e XXI. Como resultado, publicou numerosos artigos, ensaios e a súa tese de doutoramento, El teatro de vanguardia en Canarias 1924-1936 (Idea, 2012).

Ficha técnica

Canarias | 50 min | 9 €
Idioma: castelán

Dirección, texto, creación escénica, espazo sonoro, vestiario e espazo escénico: Roberto García de Mesa
Intérpretes: Ylenia Quintero, Delia Hernández, Ylenia de Luis.
Iluminación: Carlos Ramos
Audiovisuais: Digital 104 e RGM
Produción: Compañía Roberto García de Mesa
Colabora: Festival Escenas do cambio – Fundación Cidade da Cultura de Galicia

Estrea absoluta