BLACK BOX. UNHA SAGA ÉPICA
Hugo TorresQue teñen en común un mariñeiro da armada de Vasco da Gama, o dono dunha hospedaría do século XVIII, un pirata xusticeiro, un mestre de esgrima dun rei, unha mestra rebelde, un pintor que cruza o mar a remos, unha muller que escribe o dicionario dun país, ou un vendedor de coches que viviu máis rápido ca eles?
Todos forman parte da mesma familia: a de Hugo Torres.
Black Box é unha homenaxe ás persoas anónimas que deixan pegada no mundo sen figurar nos libros, unha viaxe escénica pola memoria persoal e familiar que se converte nun relato épico sobre a identidade, a herdanza e o desexo de construír un futuro mellor.
Un espazo onde a palabra e o corpo convidan a escoitar e imaxinar, ralentizando o tempo e abrindo un territorio para a emoción e a memoria colectiva.
Hugo Torres
Hugo Torres é actor, músico, compositor e director artístico. Comeza a súa traxectoria aos seis anos na compañía Trigo Limpo de Tondela (Portugal). Nos anos noventa trasládase a Porto onde se licencia en Teatro/Interpretación na ESMAE (Escola Superior de Música e das Artes do Espectáculo). Desde 1996 e ata o 2006 forma parte do elenco estable do Teatro Nacional São João de Porto. A inicios do 2000 trasládase a Barcelona a estudar cine no CECC e desde 2007 vive en Santiago de Compostela onde funda a compañía Voadora, da que foi director artístico con Marta Pazos ata o seu peche no 2022. Conta cun Premio María Casares XVII á Mellor Música Orixinal por Tokio3.

