Black Through Red
Reinaldo RibeiroUn ritual, unha deriva, una relación a distancia e no tempo a través da cor vermella.
Un espazo para performar a subxectividade. Político, persoal e poético.
Reinaldo Ribeiro parte de O xardín das delicias do Bosco para construír o seu propio tríptico. Un que cuestiona a representación do corpo negro nas artes en xeral, nos espazos públicos e privados, nas institucións, nas creacións artísticas, nas curadorías, nos museos.
Black through red, terceiro capítulo desta triloxía artística, propón falar de negritude sen caer no binario do branco e negro. Falar a través do vermello.
Un encontro no Bosque de Galicia no que o artista convida ao público a reflexionar sobre as relacións entre negritude, territorio, identidade e todos os eixos que sosteñen eses tres piares: migración, periferia, violencia, perspectiva de xénero, mirada decolonial, narrativas e futuro.
E a partir deste, o compromiso entre ambos, artista e persoa espectadora, que será interpelada durante todo un ano, unha vez ao mes. Doce meses, doce postais e doce vermellos distintos que provocan e convidan a que cadaquén poida crear/fabular a súa propia obra, expandida.
Punto de encontro: REGA 1 (ao carón do Museo Centro Gaiás).
Reinaldo Ribeiro
Artista transoceánico, bitch conceptual, amante afro-futurista.
Como creador transita entre os campos da coreografía, as artes escénicas e o perreo cósmico.
O seu traballo explora o que el define como concepto 4P: a relación entre o político, o poético, o persoal e o patético.