Gallaecia Ensemble Barroco presenta Calidoscopio, unha proposta que nos ofrece unha versión sen precedentes da partitura minimalista de Terry Riley, In C (1964). Baixo a dirección da violinista María José Pámpano, o ensemble brinda ao espectador a posibilidade de experimentar a escoita desde o movemento, ao redor dunha peza icónica da historia da música occidental.
Sesenta anos despois dende a súa creación, In C continúa a ser unha experiencia musical única e enriquecedora para os intérpretes así como para o público. A partitura consta de 52 celas musicais que se repiten, enumeradas en orde cronolóxica. Calquera número de intérpretes pode tocar a peza, usando calquera instrumentación desexada, sempre que se movan a través da partitura coma un conxunto. O resultado son patróns rítmicos entrelazados, texturas e harmonía que nunca é igual, sen importar cantas veces a peza sexa interpretada.
Coma se dun calidoscopio sonoro se tratase, In C é unha peza que toma fragmentos e os tece a través da vivacidade, a espontaneidade e o azar, creando un todo que é moito máis que a suma das súas partes. A particular interpretación sobre instrumentos históricos levada a cabo polo Gallaecia Ensemble Barroco, ofrécenos a posibilidade de descubrir novos estímulos sensoriais, sonoros e visuais nunha versión na que o público ten liberdade de movemento para formar parte dese universo creativo tecido nun caos aparente. Un concerto no que a escoita é cuestión de perspectiva.
Gallaecia Ensemble Barroco
Gallaecia Ensemble Barroco é un proxecto musical que procura esvaecer as marxes entre a música antiga e a creación máis contemporánea, combinando as músicas do pasado con aquelas máis actuais nun diálogo no que tamén entran en xogo outras disciplinas artísticas, tales coma a pintura, a poesía ou as artes visuais.
Coas súas interpretacións, baseadas en criterios historicistas e sobre instrumentos antigos, a formación trata de explorar ao límite as súas posibilidades sonoras. Así, dentro do seu repertorio podemos atopar tanto músicas procedentes dos s. XVII e XVIII como novas composicións, mostrándose coma unha formación pioneira en Galicia neste tipo de prácticas sobre instrumentos históricos.
Creado baixo a dirección da violinista galega María José Pámpano, o Gallaecia Ensemble Barroco facía a súa presentación en novembro de 2021 na Cidade da Cultura co espectáculo Oh, Rosas Vivas! Un proxecto multidisciplinar no que un selecto elenco de músicos galegos, xunto aos recoñecidos artistas Laura Iturralde, Yoseba Murazabal e María Lado, rendían homenaxe a algunhas das mellores mulleres compositoras da historia da música occidental.
Cunha clara dirección artística, o grupo ofrece unha visión totalmente renovada do concepto de concerto clásico con proxectos nos que se combina a tradición musical coa creación artística de vangarda. Un universo creativo que aposta polo talento local e emerxente, capaz de romper con estereotipos e clixés na procura de novas audiencias para estas vellas-novas músicas.