A peza que a artista Ana Matey presenta no Festival Escenas do cambio é unha nova performance dentro da serie Conversaciones a cal leva desenvolvendo desde o ano 2015.

Cada unha versa sobre unha temática diferente dependendo dos acontecementos e preocupacións que estea a vivir nese momento. Esta performance é a número 10 da devandita serie baixo o subtítulo: Sobre la distancia. Pensar hoy en distancia…

Cando penso en distancia, palabras como distancia, traxecto, percorrido, desprazamento, viaxe, tempo, veñen á miña cabeza. No afastado, penso o estraño, o descoñecido. No traxecto, atopo o acontecemento, o descubrimento. No desprazamento posiblemente algo novo xorde. Na viaxe, todo é novo, a paixón aparece… a aprendizaxe. No tempo, todo é, está, narración continua, fío discursivo que debuxa todo o anterior. Na distancia hai un abismo que non me permite alcanzar o outro lado, ao outro, a min mesma… (Ana Matey)

ANA MATEY

Performer, artista visual e investigadora incansable. O seu traballo é unha exploración profunda sobre os límites do corpo humano e a súa relación coa natureza, articulada principalmente a través de tres verbos chave: pasear, colleitar e desprazar.

Desde o 2001 a súa obra mostrouse en museos, galerías, teatros e espazos independentes por toda España, case toda Europa e fóra dela en México, República Dominicana, Canadá, Marrocos, Indonesia e O Xapón. En lugares como o Museo Guggenheim en Bilbao, Centro de Arte FADO en Canadá, Museo Vostell en Cáceres, Museo Reina Sofía en Madrid, Galería Sesama en Yogyakarta, Igrexa San Marcos en Venecia, Cinema Coliseum en Berlín, Museo de Arte Moderna en Tetuán, Teatro Universum en Helsinqui, Fundación Monte Veritá en Suíza, Galería Dzialan en Varsovia, Galería Catalist Art en Belfast, etc.

Recibiu numerosas bolsas de creación as últimas no Centro de Arte La Regenta (2019) e o Centro de Arte Contemporáneo Ambiental Valdelarte (2020). Desde o 2006 dedícase de maneira paralela á creación ao ámbito da dinamización, investigación e formación.

Cofundadora de ElCarromato (2006/10), ARTóN (2009/14) e os actuais EXCHANGE Live Art (2012) e MATSUcreación (2012). Participa periodicamente en mesas redondas, conferencias e presentacións.

Ficha técnica

Duración: 30'
Arte en acción

Estrea

Estrea absoluta en Escenas do cambio 2021
Conversaciones 10. Sobre la distancia V21Mai, 19H Cidade da Cultura Exteriores da Cidade da Cultura