COMANDO DRAMATÚRXICO
O Comando Dramatúrxico observa, pensa e documenta o festival desde dentro. Un corpo expandido que acompaña os procesos artísticos, recolle a súa pegada e devolve reflexión en tempo real. A súa práctica combina a crítica e a escritura cun traballo de mediación viva entre artistas e públicos, facendo da observación un acto creativo.
O xoves 7 de maio, nun primeiro encontro co Comando Dramatúrxico, convidámosvos a conversar ao redor da Revelesencia que articula a dramaturxia de Escenas do cambio 2026 e de Horizontes Errantes, a peregrinaxe artística que nos presentan Laura Arís e Jakob Jautz.
Antes e despois de cada espectáculo, poderedes atopar as persoas que integran o Comando activando micro-conversatorios flotantes, improvisados e abertos, para compartir expectativas, impresións e emocións. Un café ou unha bebida ao gusto o sábado día 9 pola mañá, despois de viaxar en La Calidesa, será outra boa ocasión para conversar e afondar nas historias de soidade e amizade que nos traslada esta instalación performativa.
Durante os catro días do festival, de xeito transversal, o Comando Dramatúrxico analiza, conversa, publica e traduce o que acontece en múltiples linguaxes: textos, imaxes, entrevistas, fanzines e podcasts. A súa presenza física e nas redes espalla o pensamento escénico máis alá dos escenarios, activando espazos de diálogo, encontro e coidado compartido.
Afonso Becerra de Becerreá.- Dramaturgo, director de escena e profesor do Departamento de Dirección escénica e dramaturxia da ESAD de Galicia. Tamén dirixe a erregueté | Revista Galega de Teatro e colabora en diferentes medios de comunicación. É doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona e titulado superior en Arte Dramática polo Institut del Teatre de Barcelona.
Amantia Coello.- É unha creadora comprometida coa intervención sociocomunitaria a través das artes escénicas. Licenciada en Psicoloxía Social e M.U. en Investigación en Educación, Diversidade Cultural e Desenvolvemento Comunitario, integra pensamento crítico e xénero na súa práctica artística. Dende 2016 dirixe no eido social. Conta con publicacións de textos dramáticos e de investigación. Entre outros recoñecementos, gañou o Xuventude Crea 2015 e 2024 e participou no IX Torneo de Dramaturxia de Galicia. Actualmente estuda Dirección Escénica e Dramaturxia na ESADG.
Julia Sueiro Fojón.- É xestora cultural especializada en danza contemporánea e inclusiva, con experiencia no deseño, planificación e coordinación de proxectos culturais. Traballou na produción executiva en compañías de danza e na xestión e acompañamento de equipos artísticos. Conta ademais con traxectoria no ámbito museístico, documentación, catalogación e educación non formal.
Ginés Amoedo Alén.- É alumno da ESADG na especialidade de Dirección escénica e dramaturxia. Ten colaborado con artigos sobre espectáculos na erregueté | Revista Galega de Teatro.
Tyler Mckechnie.- (West Caldwell, New Jersey, USA) É creador escénico e educador, bolseiro Fulbright e fundador da compañía compostelá de performance experimental Oístes? Teatro. Formouse en Neurociencia e Teatro en Muhlenberg College, en escrita dramática na USC e en creación interdisciplinaria con La Fura dels Baus. O seu traballo sitúase na intersección entre ciencias cognitivas e artes vivas, con foco en prácticas inmersivas ao redor da saúde mental, a alteridade e a experiencia lgbtqi+.

