ENCONTRO THE AGEI(ING) BODY, BODY AND VISIBILITY
Julia Sueiro, Silke Z.En coherencia coa aposta de Escenas do cambio por abrir a programación de artes vivas a procesos de participación comunitaria, desenvolverase un encontro de mediación artística vinculado á peza FEAR:LESS, da creadora Silke Z., coordinado por Julia Sueiro. FEAR:LESS sitúa o corpo nun lugar de exposición, risco e relación, onde a confianza, a escoita e a atención á outra persoa se converten en materiais centrais do proceso artístico. A combinación de creación, investigación e pedagoxía que atravesa a práctica de Silke Z., así como o seu interese por xerar espazos de encontro interxeracional e de intercambio con persoas non profesionais, conecta de maneira directa coa intención desta xornada intensiva de convivencia.
A proposta articúlase como unha experiencia de mediación e convivencia ao redor da creación contemporánea, combinando a participación nun taller, a asistencia á función e espazos compartidos de contextualización, diálogo e reflexión colectiva. Está dirixida a un grupo diverso de persoas adultas, con especial atención a persoas maiores que non frecuenta habitualmente a danza contemporánea. A selección das participantes realizouse en colaboración con entidades, colectivos e asociacións locais da contorna de Santiago de Compostela.
O obxectivo é facilitar unha aproximación accesible e situada á peza e aos seus procesos de creación, favorecendo o encontro en espazos compartidos entre comunidade, artistas e festival, e contribuíndo á creación e acompañamento de novos públicos dende a experiencia directa e a participación activa.
Julia Sueiro Fojón.- É xestora cultural especializada en danza contemporánea e inclusiva, con experiencia no deseño, planificación e coordinación de proxectos culturais. Traballou na produción executiva en compañías de danza e na xestión e acompañamento de equipos artísticos. Conta ademais con traxectoria no ámbito museístico, documentación, catalogación e educación non formal.
Silke Z.- Investiga novas vías para o desenvolvemento artístico na danza contemporánea. Ela e o seu elenco entenden a danza como unha expresión das sensibilidades humanas e como un camiño para facer visibles diferentes perspectivas e iniciar diálogos. Desde 1999 dirixe Silke Z. resistdance, compañía con sede en Alemaña coa que desenvolveu máis de 40 producións de danza tanto no país como no estranxeiro. Promove a participación como xeradora de identidade e formatos innovadores de mediación na danza contemporánea, e fundou os ehrenfeldstudios en Colonia e a rede de ámbito internacional studiotrade.

