Galicia conta con multitude de creadoras en continuo crecemento tanto persoal como profesional. Estas seis coreógrafas e bailarinas son un boa mostra. Todas traballan o discurso dos seus proxectos a través do movemento usando o seu corpo como o lugar da creación. Desde o concepto do feminino os seus traballos destilan feminismo como materia conceptual e a súa estratexia non é outra que a procura constante do que a danza lles suxire para levala ao lugar que lle corresponde nas artes escénicas.

O programa Escenas en danza foi creado para reunir a distintas artistas galegas que, de maneira individual, pero coa idea de colectivo, traballen o espazo como unha paisaxe onde de maneira transitoria e transitable, o público poida gozar dun percorrido de danza polas entrañas da Cidade da Cultura.

Elas non bailan soas e son o claro exemplo de que a danza en Galicia é e será referente do esforzo das mulleres que bailan e non se renden e que manteñen a calidade e a tenrura por riba da in-visibilidade.

NURIA SOTELO

Intérprete de danza, teatro e de linguaxes escénicas. É directora artística da compañía de danza-teatro Licenciada Sotelo. Vencellada á danza desde a súa infancia a través do ballet, continúa a súa formación en danza contemporánea, ioga, danza butoh, teatro e voz nas Aulas de Danza e Teatro das Universidades de Santiago de Compostela e Ourense así como en talleres internacionais. Forma parte do elenco habitual de Matarile Teatro e participou como intérprete e coreógrafa en creacións de compañías de danza, teatro, circo e artistas independentes: Centro Coreográfico  Galego, Femme Fatale, Experimentadanza, Teatro Resoante, Elefante Elegante, María Move Cía., Mikel Arístegui Cía., Cía. Io, Magdalena Arau e Hellen Bertels.

MARÍA ROJA

Performer, actriz e artista visual. A súa obra vira ao redor do corpo como contedor do íntimo á vez que arquitectura social e política, cun marcado interese nos procesos de apropiación, incorporación e transmisión do coñecemento inmaterial, así como na súa potencia como elemento subversivo e de resistencia. É Licenciada en Belas Artes cun Máster en Artes Escénicas pola Universidade de Vigo e Titulada Superior en Arte Dramática pola ESAD de Galicia.

Completa a súa formación no campo da acción da man de recoñecidos/as artistas. Forma parte do corpo colectivo transfronteirizo Límites. No campo da interpretación desenvolveu o seu labor en compañías de artes escénicas como Matarile, Centro Dramático Galego, etc… No campo audiovisual, rodou baixo a dirección de cineastas como Ignacio Vilar, Alexandre Cancelo ou Breogán Riveiro. No ano 2017 recibiu o Premio María Casares á Mellor Actriz Secundaria.

Actualmente compaxina o labor investigadora no programa de doutoramento en Creación e Investigación en arte Contemporánea da UVigo co traballo creativo nos campos das artes escénicas e visuais.

KIRENIA MARTÍNEZ

Bailarina, actriz e coreógrafa nada en Santa Clara (Cuba). Conta co título de Nivel Medio Superior da Educación Técnica Profesional, na especialidade de Actuación, pola Escola Nacional de Arte de Cuba; así como o título de primeiro Nivel de Bailarín de Danza Contemporánea.

Directora e colaboradora artística de varias compañías, proxectos e festivais. Co-directora e fundadora da Compañía Entremans desde (2005 ata a actualidade) tamén foi co-directora artística do Festival Quincegotas (A Coruña, do 2015 ata a actualidade) codirectora artística do Festival dos Eidos desde (2019) Co-directora artística do Festival Empape (A Coruña, do 2008 ao 2011)  e directora da Compañía Kirenia Danza (2019).

Clara Ferrão

Intérprete, docente e creadora de danza contemporánea. Comeza os seus estudos en danza clásica e achégase á danza contemporánea en Madrid no ano 2003.Titulada polo Real Conservatorio Profesional de Danza Mariemma, Madrid, en ensino profesional na especialidade de danza contemporánea.

No 2015 realiza un Máster en Danza e Artes do Movemento na Universidade de Murcia. Como bailarina, cabe destacar a súa participación en eventos coa Fura dels Baus ou na peza Garaxe da compañía de teatro Voadora. Tamén traballa de forma colectiva como coreógrafa e bailarina colaborando con distintas compañías. Recibe o premio á mellor intérprete no Certamen La Espiral Contemporánea de Santander en 2019 coa peza Miñaxoia.

Actualmente traballa coa compañía “Ao-badulaque” de Cáceres, na súa nova produción Serrana. Compaxina a súa traxectoria profesional como bailarina co ensino, impartindo clases regulares, obradoiros e jams en diferentes centros e festivais.

Paula Quintas

Bailarina, aramista circense, coreógrafa visual e pedagoga. Licenciada en Historia da arte, pola Universidade de Santiago de Compostela, con especialidade en arte contemporánea. Graduada en Danza contemporánea en Trinity Laban Conservatoire of Music and Dance e técnicas circenses en National Centre for Circus Arts de Londres.

Co-directora do Festival Corpo(a) Terra, Ourense, pertencente á Red Acielo Abierto, rede nacional de festivais en espazos non convencionais. Portavoz representante da Danza e o Circo na Comunidade de Galicia, en Escena Galega (Asociación Profesional de Artes Escénicas de Galicia).

Co-directora da Compañía Traspediante con diferentes espectáculos en cartel con recoñecementos nacionais.

Begoña Cuquejo_Galicia danza

Como coreógrafa recibe ou Premio Injuve en 2010, foi seleccionada no Certamen Coreográfico de Madrid en 2008. Os seus últimos proxectos Bailarina Oscila creada con Sonia Gómez en residencia Graner e FestivAlt de Vigo, Nomadismo relacional (La Casa Encendida, Madrid) e a peza #spanishwashing con Matías Daporta.

No ámbito universitario destacan os obradoiros impartidos na HETS en Xenebra, Na Universidade de Lublin, Resad en Madrid, traballa como titora do Master en innovación pola USC. Cofunda e dirixe a aula de danza Universitaria do Campus de Ourense (D-ou-tras). Tamén é directiva e xestora cultural durante dous anos na asociación de profesionais de Galicia Danesga, na actualidade forma parte da asociación A Performative onde dirixe o Festival EnCorpsEnSemble en Xenebra.

Como traballo comisarial destácase en 2014 o Festival de Performance no CGAC De Corpo en Lugar, e o Festival corpo(a) terra.

Grazas á súa múltiple experiencia clínica e sistémica en Hipnose é regularmente solicitada como ollo externo ou dramaturga. Traballou durante 3 anos como mediadora cultural para o servizo da cultura do concello de Meyrin, Suíza.

Castro é unha peza de danza inmersiva, que poderá ser visionada a través de dispositivos dixitais in situ, trátase dunha danza xeolocalizada, inspirada na figura do alcalde de Ourense falecido Manuel Suárez Castro, a través da memoria ou esquecemento histórico que se poden ver debuxado no corpo dos seus familiares femininos.

Participan: Laura Iturralde e outros artistas

Ficha técnica

Duración: 60’
Danza
Peza creada ex profeso para o festival por Begoña Cuquejo, Nuria Sotelo, Kirenia Martínez, María Roja, Clara Ferrão e Paula Quintas

PEZAS:
— PERCORRIDO
— +DURA de Kirenia Martínez (Kirenia Danza)
— RASTREXO EN 570 PASOS de María Roja. Peza creada en colaboración con Alba Blanco (colectivo Blanco&Roja).
— CASTRO de Begoña Cuquejo_Galicia danza
— MIÑAXOIA (Adaptación) de Clara Ferrão
— ENTRE de Nuria Sotelo
— MULTIPERSPECTIVAS de Paula Quintas

Estrea

Estrea absoluta para Escenas do cambio 2021
Escenas en danza D21Feb, 18.30H Cidade da Cultura Itinerante en varios espazos