Escenas do cambio logo 2026

7-10 Maio 2026Festival de teatro,
danza e arte
en acción
cidadedacultura.gal

Escenas do cambio logo 2026

HORIZONTES ERRANTES

Laura Aris, Jakob Jautz, Jorge da Rocha

Xoves 7 de maio 19:30h
Cidade da Cultura | Edificio CINC, Salón de convencións

Horizontes Errantes nace de dúas travesías a pé realizadas en xullo e setembro do 2025: de Tübingen a Freiburg (a través da Selva Negra, Alemaña) e desde o Val do Trubia (Asturias) ata Santiago de Compostela, seguindo o Camiño Primitivo.

Durante 14 días en cada territorio, Laura Aris e Jakob Jautz camiñaron atravesando paisaxes, recollendo as súas atmosferas e calidades, así como os encontros cos seus habitantes humanos e máis-que-humanos. Ao longo do percorrido, o intercambio espontáneo e xeneroso coas comunidades locais —agricultores, artistas, activistas, animais, plantas e a propia meteoroloxía do territorio— converteuse en parte esencial do proceso creativo e do pensamento ecolóxico e poético que inspira a obra.

A peza traduce esta experiencia á linguaxe do corpo, a danza, a música, a voz e a instalación. Unha proposta escénica que non fala sobre nós, pero que se move a través noso. Nun intento de prolongar a memoria do camiño e dar espazo ás voces que atopamos, os nosos corpos convértense en arquivo vivo dun pasado recente.

“We choose to remain hopeful” (Decidimos manter a esperanza) foi o mantra que acompañou o proceso. Cremos que imaxinar xuntos futuros esperanzadores é tamén unha forma de resistencia e compartilos, unha práctica de creación colectiva.

Nesta nova presentación en Santiago —destino final do viaxe— Horizontes Errantes volve activarse como xesto artístico, poético e colectivo.

NOTA: Ao remate de Horizontes Errantes, o Comando Dramatúrxico organiza, no mesmo espazo, unha conversa entre público e artistas na que compartir impresións e inquedanzas ao redor desta peregrinación artística e da súa inclusión na dramaturxia do festival.


Laura Aris
é unha intérprete, coreógrafa e profesora de danza contemporánea amplamente coñecida polas súas habilidades interpretativas e polo seu labor pedagóxico internacional, cunha carreira que abrangue prestixiosas compañías de danza (Lanònima Imperial, Ultima Vez) e proxectos artísticos independentes. Actualmente desenvolve a súa práctica creativa desde Bélxica, combinando proxectos por encargo, actuacións en solitario e numerosas colaboracións con outros artistas. O seu interese é fomentar o diálogo continuo coa danza contemporánea, con outras disciplinas e tamén na relación entre intérpretes e o público.

Jakob Jautz estudou circo contemporáneo na Fontys-ACAPA dos Países Baixos e expandiu a súa formación na Salzburg Experimental Academy of Dance, completando en 2018 a mestría en danza e coreografía. O seu traballo céntrase na relación entre o mundo humano e o máis que humano, desenvolvendo tanto proxectos performativos (Traces, 2022; Horizontes Errantes, 2025) como de formación, a través da práctica da based landscape choreography (coreografía baseada na paisaxe). Tamén colabora coa Universidade de Tübingen en proxectos relacionados cos dereitos da Natureza, a relación home-natureza e o activismo sensible. É membro fundador do Performing Arts Collective de Tübingen e participa da residencia e espazo para eventos Station Circus.

Jorge da Rocha é un músico, compositor, produtor e cantante portugués con base en Barcelona, coñecido pola forma na que explora o son do contrabaixo, combinándoo con voces, guitarra eléctrica, percusión e live-looping. Logo de traballar e actuar en diferentes proxectos musicais na escena de Barcelona e Berlín, lanzou en 2016 a súa carreira en solitario cos álbums These Are a Few of My Favourite Songs (2016), To Drop and Let Go (2017), BLAU – Being Lost As Usual (2020) e Lartic Soundtracks Vol. 1 (2025). Ten actuado en escenarios de toda Europa, Asia e América Latina, e compón tamén bandas sonoras para cine, teatro e danza.

Xoves 7 de maio 19:30h
Cidade da Cultura | Edificio CINC, Salón de convencións

Ficha técnica

Bélxica, Alemaña, Portugal | 50 min

Proxecto iniciado por Laura Aris
Desenvolvido e co-creado por Laura Aris, Jakob Jautz
Peregrinos | intérpretes: Laura Aris, Jakob Jautz
Música orixinal: Jorge da Rocha
Produción: Laura Aris, Jakob Jautz

Este proxecto é posible grazas ao apoio da Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura de Galicia e o Programa de Residencias Artísticas do Gaiás, Landesverband Freie Tanz- und Theaterschaffende Baden-Württemberg (LaFT BW) e.V., o Ministerio de Ciencia, Investigación e Artes de Baden-Württemberg, LBBW Foundation, The Tomorrow Tribe, E-WERK Freiburg e.V.

Co amable apoio de: Sala Sabil, La Escanda mitológica, L’Abellugu, Arqueixal-eco agroturismo (en España), Gasthof Hotel Goldener Adler, Theater am Torbogen, Hotel Pfaff, Landgasthof zum Schwanen, Ochenhof e Gullerhof (en Alemaña).

Agradecementos especiais a: Kirenia Martínes Acosta, Mònica Arús, Marcia Bázquez Ramírez, Manon Siv Duquesnay, a familia Lukowicz/Zindel, Paul Willi, Wolfgang e Gertrud Jautz.

Dedicado ás paisaxes que atravesamos e aos encontros ao longo do camiño, que fixeron que a obra se convertise no que é hoxe.
Escenas do Cambio 2026
Resumen de privacidade

Esta web emprega cookies para poder ofrecer a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións coma recoñecerte cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo a comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.