Programa Escenas do Cambio 2020

JERK é unha reconstrución imaxinaria —estraña, poética, divertida e sombría— dos crimes perpetrados polo asasino en serie americano Dean Corll que, coa axuda dos adolescentes David Brooks e Wayne Henley, matou a máis de vinte nenos no estado de Texas a mediados dos anos 70. Esta peza móstranos a David Brooks mentres cumpre a súa condena de cadea perpetua. No cárcere aprende a arte dos monicreques cos que, dalgunha maneira, pode facer fronte á súa responsabilidade como partícipe dos delitos. Escribe un espectáculo que reconstrúe os asasinatos cometidos por Dean Corll, usando os monicreques para representar a todos os personaxes e leva a cabo o seu espectáculo no cárcere para unha clase con estudantes de psicoloxía dunha universidade local.

Pola violencia e o humor do texto hai unha ferocidade subxacente á actuación.  O teatro de monicreques, de feito, é a forma tradicionalmente utilizada para representar a suxeitos violentos e actos ilícitos.

JERK mestura, descaradamente, a sexualidade e a violencia na liña da estética gore, remontándose naturalmente ao repertorio dos monicreques de luva. O texto articúlase como un solo para monicrequeiro de marionetas de luva que tamén fai o papel do farsante. A historia, aínda parecendo tan realista, raia no irrealismo. O aparente realismo da obra provén da súa narrativa liñal e do feito de estar baseada nunha historia real, así como da profunda identificación do monicrequeiro-farsante co personaxe ficticio de David Brooks.

JERK é a cuarta peza dramática producida en colaboración co escritor americano Dennis Cooper tras I’apologize (2004), Une belle enfant blonde (2005) e Kindertotenlieder (2007). Nestas obras, as conexións entre fantasía e realidade cuestiónanse permanentemente, chegando a alterar a nosa percepción da realidade. Canto máis realista se expón JERK desde a súa narrativa liñal e constante, máis credibilidade ofrece, derivada deste xeito de cuestionar. E é esta innegabilidade a que aquí en JERK se reexamina, a través das diferentes experiencias formais.

ENTRADA

Ficha artística

Dirixida por: Gisèle Vienne
Dramaturxia: Dennis Cooper
Música: Peter Rehberg (música orixinal) e El Mundo Frio of Corrupted
Iluminación: Patrick Riou A partir dunha novela de Dennis Cooper
Interpretada e creada en colaboración con: Jonathan Capdevielle
Voces gravadas: César Bernard e José Enrique Oña Selfa
Estilismo: Stephen O’Malley e Jean-Luc Verna
Monicreques: Gisèle Vienne e Dorothéa Vienne Pollak
Maquillaxe: Jean-Luc Verna e Rebecca Flores
Vestiario: Dorothéa Vienne Polak, Marino Marchand e Babeth Martin
Mestre de ventriloquía: Michel Dejeneffe