Let Sleeping Dogs Lie é un espectáculo que deambula entre memoria e premonición. Un solo de danza contemporánea ao redor da (in)comunicación e as cicatrices emocionais que, inevitablemente, os seres humanos acumulamos co transcorrer do tempo. Un inventario de reflexións sobre a condición humana e a súa intricada relación coas forzas que gobernan a nosa existencia. Unha procura de significado, presentada desde unha perspectiva íntima e feminina.
En escena, desprégase unha narrativa fragmentada a medida que o espazo se transforma nunha instalación escenográfica. A través da acción, abórdanse temas universais como o amor, a dor, a esperanza e o desexo de explorar o mundo e compartir a experiencia. De maneira paulatina, Laura Aris mergúllanos nun xogo máxico cun humor sutil, que nos transporta cara a unha galaxia propia, pero accesible.
Esta proposta escénica é unha cálida invitación a camiñar xuntos a través dunha mirada persoal que, con todo, esperta cóxegas no imaxinario colectivo.
Laura Aris
Laura Aris é intérprete, coreógrafa e recoñecida mestra internacional. A súa experiencia profesional inclúe unha década como bailarina da compañía belga Ultima Vez dirixida por Wim Vandekeybus. Desde o ano 2009 exerce como artista independente desenvolvendo as súas propias prácticas creativas.
Ten dirixido numerosas creacións para festivais e institucións internacionais, entre as que podemos citar Surprised By Joy (2009, para o Taller Nacional de Danza- El Barco, Costa Rica); El Buit (2010, producida polo Centro de las Artes de San Luís Potosí, México); Under the Eyelids (2011) e Geometry of Breath (2022) para a ZPA, Zagreb Dance Company de Croacia; Cualquier Mañana (2014, canda o bailarín español Álvaro Esteban); Let Sleeping Dogs Lie (2017); One Day Three Autumns (2018, para MAPDANCE, Reino Unido); El Aliento de Las Estrellas habita mi Cuerpo (2020), laboratorio de investigación para os bailaríns de La Faktoria centro coreográfico en Pamplona.
Compaxina a súa práctica artística cun labor pedagóxico recoñecido no campo da danza contemporánea internacional desde 2001 e ten un grande interese no desenvolvemento dun diálogo fluído e permanente entre a danza contemporánea e outras disciplinas.