Millo Vello é unha práctica performativa onde corpos e obxectos dialogan coa música en vivo.
É un exercicio de continua tentativa de volver á sabedoría ancestral, primitiva, ao mesmo tempo que abrazamos o que forma parte da nosa realidade e contexto actual.
Aceptar e construír co que temos ao noso alcance sen perder a mirada no que nos enraíza e dá sostén. Rendendo homenaxe ao tempo dilatado, ao pasado, pero acollendo a velocidade de hoxe. Acollendo o presente nesta convivencia que podería revelarse antagónica pero non o é. Podendo tecer con mimo para construír o noso lugar seguro.
En realidade, esta práctica é unha carta de amor a nós mesmas e a todas aquelas persoas que se poidan sentir apeladas na busca dese lugar apracible onde habitar.
Servímonos da busca dende o subconsciente e os soños, creando paisaxes visuais que invitan á observación tranquila, a poñerse en tempo de árbore. Para acadar así o deleite de ser testemuña de algo que, como a natureza, vaise conformando pouquiño a pouco.
Ay, Cariño!
Compañía de nova creación de orixe galega que dende 2023 abriga o traballo creativo conxunto de Cris Vilariño e Diego M. Buceta tras unha ampla traxectoria individual.
Cris Vilariño leva a cabo numerosos proxectos como creadora e intérprete (Cyan, MUUM, Liminal, Haiku, Todas as cartas de amor son ridículas, PINDO) e dende 2017 colabora coa compañía Licenciada Sotelo. Compaxina o seu labor artístico coa súa carreira pedagóxica, impartindo formacións intensivas de body weather e laboratorios de movemento, improvisación e conciencia corporal.
Diego M. Buceta traballa como intérprete para compañías e creadoras e creadores como Lucía Marote, Aitana Cordero, Voadora, La Coja Dansa, Equilibrio Dinámico ou A Friend in the Orchid Room, e firma traballos tanto en solitario (As vacacións máis longas) como xunto á compañía Pálido Domingo (Non hai que ser unha casa para ter pantasmas, Pentecostés e Serva me servabo te).
Rafa Mallo é batería con máis de 15 anos de experiencia. Participou en diferentes proxectos, gravou varios discos así como colaboracións con diversos artistas e ten realizado máis de 500 concertos. Un dos seus principais proxectos é como batería do grupo Triangulo de Amor Bizarro.