O intanxible e o non mundo
Mercedes PeónAgora mesmo estamos convivindo con centos ou miles de non-mundos aos que non accedemos, ou non coñecemos ou non temos as ferramentas para velos. Todo convivindo simultaneamente. Permítanme que lles amose un non-mundo que comezou a debuxarse na escena dos anos 80; en concreto ás tocadoras como se denominaban elas ou pandeireteiras, e tentar amosar a relación de sonoridade entre elas. Antes de falarvos delas tentarei definir o Torreiro. O Torreiro é un lugar, un anaco terra, normalmente ao pé da torre da igrexa que só ten a función da foliada, serán, ruada, tertulia e lugar de encontro da veciñanza. O “torreiro” pertence a un non-mundo e é irredutible, nada se pode explicar sen o todo, nada se pode reducir porque o demais non existiría, sería outra cousa. Isto do que falo é o intanxible, son esas relaciones sistémicas que na súa fortaleza é onde radica tamén a súa fraxilidade: o poder da adaptación. Por iso as resistencias xorden no eido político, están dentro dun sistema que non actúa adaptándose senón que impón sempre as mesmas estruturas de poder piramidais. O intanxible ao que me refiro está fora do político, fora da acumulación, ten que ver con xeitos de vida que xiran en comunidade e que se nutren das individualidades máis radicais.
Esta peza quere falarvos das tocadoras e de como un sistema piramidal e estanco inflúe nas persoas, e de como o intanxible e a relación co non-mundo crea unha serie de resistencias que permite unha visión periférica e un xeito de abordar a creatividade desde a autoría de autoestima cultural.
Esta peza amosa a sonoridade entre tocadoras e a súa influencia na miña obra, reducindo o espazo, cousa que no torreiro nunca faría falla porque todo é un. O intanxible como o sistémico e o non-mundo como micro-hábitat que nalgún momento foi a aldea. Esta peza está atravesada por Peque Varela con animacións e texturas de imaxe e coa colaboración de Maider Jiménez e Laura Iturralde.
Un latexo compartido ao redor de «O intanxible e o non mundo»
Sobre as 20 horas e partindo do Salón Teatro (onde a esas horas remataría a obra Solala, de Amalia Fernández) o Comando Dramatúrxico convoca a todas e todos os interesados a compartir un paseo a pé na compaña de Mercedes Peón ata o lavadoiro das Brañas do Sar (1,5 km aproximadamente), para aló, en comunidade, gozar da retransmisión de O intanxible e o non mundo a través do Youtube.
Unha experiencia certamente paradoxal, xa que a peza será lanzada para os dispositivos móbiles e está pensada para ser gozada de maneira illada, ao mirar para cadansúa pantalla. Porén, o Comando Dramatúrxico, en complicidade con Mercedes Peón, convida a facer unha recepción compartida nunha contorna afastada do cemento urbano, sen necesidade de facer nada máis que estar xuntas e xuntos a sentir os latexos que resoan dentro de nós coa súa obra.
Mercedes Peón
Considerada como unha das mulleres máis carismáticas do circuíto da música contemporánea e de raíz. O tocar da pandeireta e o cantar da ribeirana foi o detonante para abraiarse da inmensa beleza das cancións, bailes, contos e vivencias dos seus contemporáneos habitantes das aldeas. Comeza unha intensa recompilación. Transmitiu todo ese coñecemento a través do ensino, nas escolas municipais, na Televisión de Galicia, ou en Universidades como a Sorbone, Porto, País de Gales etc.
Na súa faceta compositiva Mercedes Peón está relacionada coa creación de bandas sonoras para cine, espazos sonoros para danza e performances en directo dende a hibridación ata a posta en escena de banda electrónica ou de raíz. O seu amplo repertorio e a enerxía que se apodera de cada unha das súas actuacións, fan desta muller, unha aposta segura pola continuidade da escena musico-contemporánea en Europa.
Despois de afondar na tradición durante máis de 25 anos, no 2000 gravou o seu primeiro álbum chamado Isué. Libre de clixés, expandíndose polo eido internacional sen reforzo mediático. Nos seus traballos posteriores Ajrú (2004), Sihá (2007), e Sós (2008), as súas composicións levárona a unha particular atmosfera case rozando o electroacústico, facendo do resultado o seu sinal distintivo dentro e fóra das súas fronteiras.
Compartiu cartel con Patti Smith, Alanis Morrisette, Goran Brégovich, etc. entre unha lista de máis de 400 festivais internacionais.