Programa Escenas do Cambio 2020

“Ao chegar o día de Pentecostés, estaban todos reunidos nun mesmo lugar. De repente veu do ceo un estrondo coma o dun refacho impetuoso, que encheu toda a casa na que se atopaban. Aparecéronselles unhas linguas coma de lume que se repartiron e se pousaron sobre cada un deles; quedaron todos cheos do Espírito Santo e puxéronse a falar noutras linguas, segundo o Espírito lles concedía expresarse”. Feitos dos Apóstolos, 2, 1-5.

Pentecostés supón para Pálido Domingo o espertar da luz. No seu primeiro traballo, Non hai que ser unha casa para ter pantasmas, poñían o foco no lado máis profundo do noso ser, “o que se leva dentro–Ese xélido hóspede”, en palabras de Emily Dickinson.

Nesta ocasión, desexan habitar unha vez máis a fronteira entre a dor e o amor, a relación e a incomunicación, o dentro e o fóra, pero desta vez iluminando, proxectando luz na carne, na materia. Como na Lección de anatomía de Rembrandt, debruzarnos sobre os corpos para atravesalos e examinar a súa substancia. Poñer luz no esquecido, o rexeitado, o segregado. Falar de beleza e de belezas.

O que acontece en Pentecostés parece maxia. Pero non o é. Non é un milagre. Non é unha revelación. Non é nada importante que pasará á Historia. En realidade non é nada sumamente relevante. É fráxil. E é forte. É un fío de luz a través dun muro de pedra. Pentecostés é querer ver. É un acto de fe.

PÁLIDO DOMINGO

‘Non hai que ser unha casa para ter pantasmas’ é o seu primeiro traballo
como compañía, estreado en decembro de 2017 no Teatro Ensalle de Vigo e
recoñecido co primeiro premio Xuventude Crea 2017 e co Premio da Crítica no 32º Certamen Coreográfico de Madrid 2018. Foi presentado en festivais como Logos (Cerdeña), Corpo[a]Terra (Ourense) ou Circuíto Bucles (Valencia) e en espazos como Sala Inestable (Valencia), Teatro Rosalía de Castro (A Coruña) ou Teatro Pradillo (Madrid).

ENTRADA

Ficha artística

Creación: Pálido Domingo
Interpretación: Fran Martínez, Belén Bouzas e Diego M. Buceta
Iluminación: Laura Iturralde
Fotografía: Laura Iturralde / Miguel Vidal
Deseño gráfico: Alba Troiteiro
Apoios: Teatro Ensalle, Colectivo RPM e Paso a 2
Agradecementos: AveLina Pérez e A Artística Vigo

Estrea

Estrea no Teatro Ensalle de Vigo (23 de xaneiro de 2020)