Prusik é o nome dun nó de agarre e bloqueo. Unha atadura de fricción coa característica de que se solta ao liberar a presión. Un nó de salvación.
Utilizamos a metáfora do nó Prusik para representar o universo dunha comunidade.
Buscando novos parámetros, a tribo auto-destérrase coa proposta dunha nova humanidade. Para non construír o mesmo e desde a coraxe de crear algo novo en relación aos vínculos, ao desexo, ao anhelo de ser libres, á natureza orixinal do ser; á nudez dun mesmo, á emoción, ao traballo, á familia, ao planeta… Para recuperar a inocencia do devir, para volver xogar en paz e reencontrar a identidade que precede á separación.
É urxente e necesario asaltar o Edén e recuperalo.
A compañía La intrusa reúne en Prusik unha rede de intérpretes constituída desde Euskadi e Galicia. Un encontro de 9 mulleres que reivindica a urxencia de recuperar a tenrura.
La intrusa
Compañía creada en 1996 por Damián Muñoz e Virginia García que combina a produción de obras propias de escena e audiovisual con encargas coreográficas, colaboracións teatrais e traballos para televisión e publicidade. Ten presentado as súas coreografías en máis de 30 países e mantén un destacado labor docente en prestixiosas escolas e centros coreográficos de todo o mundo.
En 2015 foi distinguida co Premio Nacional de Danza do Ministerio de Cultura. Autores de espectáculos poéticos dun forte impacto visual e emocional, cun ton intimista que conecta facilmente co público. Entre as últimas creacións están Mud Gallery. Animales de hermosa piel (2015) ou It’s a Wrap. Kubrick is dead (2020). Traballan con reflexións, símbolos e metáforas que converten en movemento sobre o escenario, apoiándose tamén nos sons e as palabras.