Rabaño sinfónico é un espectáculo ao aire libre que convida ao público a pastar con Moon Ribas (artista cíborg) e Quim Girón (acróbata), intérpretes da peza. Cada persoa do público leva un altofalante como se fose unha choca electrónica, de maneira que o son do espectáculo está en constante movemento grazas ao camiñar das persoas espectadoras, que canda as intérpretes forman e deforman coreografías para cada escena. Joan Cot, músico e alma desta orquestra, manipula todo o universo sonoro creado a partir da voz. Rabaño sinfónico é un medio, un pobo, un instrumento, unha cerimonia… que invoca o sentido gregario e o instinto animal dentro do ser humano.
- Entradas para o sábado 4 de maio ás 12 horas. NOVO PUNTO DE ENCONTRO: Sala Eisenman.
- Entradas para o domingo 5 de maio ás 12 horas. AVISO IMPORTANTE: O itinerario inicialmente previsto para percorrer as rúas de Santiago de Compostela trasládase á Cidade da Cultura. Novo punto de encontro: Sala Eisenman. Recoméndase empregar os Aparcamentos 1 ou 2 para acceder máis rapidamente.
A ter en conta:
- A saída do Rabaño sinfónico non se cancelará a non ser que as condicións meteorolóxicas desaconsellen a realización do espectáculo. No caso choiva, é recomendable asistir con paraugas e/ou chuvasqueiro.
- As persoas que participen no Rabaño sinfónico aceptan a gravación e difusión da súa imaxe a través de medios en soporte papel ou dixital, así como das diferentes redes sociais, con fins de divulgar e dar a coñecer o espectáculo no marco do festival.
Moon Ribas e Quim Girón
A colaboración de Moon Ribas e Quim Girón comezou en 2019 coa motivación de mesturar as artes escénicas coa cibernética. Este territorio común levounos a crear proxectos como Fenomen (2021) ou Sentit de l’embaràs (2022), que permitiu a Quim estar “dixitalmente embarazado” e conectado ao embrión do seu fillo durante o embarazo de Moon. Deste proxecto realizaron dúas intervencións performativas, unha no Smithsonian Amerian Art Museum de Washington e outra dentro do programa International Symposium on Electronic Art 2022 en Mataró.
Moon Ribas (Mataró, 1985).- Artista cíborg e coreógrafa. Durante case sete anos levou implantes nos pés que lle permitían percibir os movementos sísmicos da Terra en tempo real a través das vibracións no seu corpo. O seu traballo baséase en investigar o movemento dunha maneira máis profunda mediante o uso da tecnoloxía, e en explorar os límites do seu corpo, a súa identidade e a arte. A súa forma de expresar esta nova percepción consiste en facer que a Terra sexa a coreógrafa e compositora das súas pezas. En 2010 cofundou a Cyborg Foundation.
Quim Girón (Barcelona, 1985).- Fundador e director artístico da compañía Animal Religion (2012), interesada na investigación de novas linguaxes dentro do circo contemporáneo. A compañía foi premida en varias ocasións, destacando o Premio Especial Ciutat de Barcelona polo espectáculo Sifonòro no ano 2016. Licenciando en DOCH pola Universidade de Danza e Circo de Estocolmo, onde recibiu a bolsa Sophie Hulten pola súa creatividade, xogo co risco e habilidade como artista de circo.