Ruido
Ça marcheA partir da peza RUIDO, Ça marche propón unha instalación participativa na que a escenografía e o concepto da peza convidan ao o público a poñer o corpo.
En escena, a audiencia leva a cabo un obradoiro de efectos especiais en directo, en concreto, arte foley (creación de son en estudio para películas). O foley traballa a partir da ausencia, daquilo que está no medio, unha particularidade que o conecta intrinsecamente coa arte escénica.
Unha sala aberta ao público, unha mesa cunha selección de obxectos diversos e varios micrófonos. Fronte a esta mesa, proxéctanse en pantalla fragmentos de películas sen son. As persoas espectadoras terán a tarefa de completar esa ausencia cos obxectos dispoñibles e xerar o son que se transmitirá a través dos altofalantes.
Deste xeito, o dispositivo non só convida á participación activa do público, senón que tamén resalta a importancia do son e da creación de atmosferas no cinema e no teatro. Así mesmo, os espectadores poden decidir simplemente observar sen participar activamente.
Unha instalación que nos fai cuestionarnos, como público, de que maneira nos relacionamos cos referentes e tecemos unha voz propia.
- A partir de 8 anos
- Sen inicio nin final
- O público pode circular libremente polo espazo e/ou sentar
Ça marche
Ça marche é unha compañía de artes escénicas de Barcelona, fundada co obxectivo de desenvolver proxectos de creación que partan do necesario diálogo entre o teatro, a performance, o movemento e as artes visuais. As súas propostas revisan a relación entre artesanía e técnica, e apostan por vincular a creación escénica de autor co público local.
Pezas que reflexionaron, por unha banda, sobre o marco da infancia e as súas contradicións e, por outra, sobre o potencial político subversivo que é propio do corpo non profesional. Os intérpretes das súas pezas son, en concreto, nenos, adolescentes e persoas maiores que traballan cos integrantes da compañía e danlle sentido á obra, achegando o seu material corporal e experiencial, a textura de cada cidade e de cada persoa.
Algúns dos seus proxectos escénicos son Ruido (2023), Cantus Gestualis (2022), Los figurantes (2021), o site-specific Godmar (2018), xunto ao coreógrafo Joaquín Collado, ou A triloxía do fillo [Ça va (2016), Ta gueule (2017), Silence (2017)]. Colaboraron, entre outros espazos e festivais, co Centro Conde Duque Madrid, Festival Grec Barcelona, Kunstenfestivaldesarts Bruxelas, Festival TNT, CAMPO Ghent, Teatre Lliure Barcelona, Nau Ivanow, Fundación Joan Brossa, TenerifeLAV, Graner centro de creación e Sala Hiroshima Barcelona.