Desde un concepto expandido das prácticas escénicas, SED, busca afondar na palabra escrita, no seu debuxo e no seu trazo, así como nas estratexias de narración, nos modos de facer e nos dispositivos e procedementos para comunicala. SED utiliza o texto como unha rede de ideas, de imaxes e paisaxes escritas para movelas nun espazo multidimensional.
A peza desenvólvese como unha sorte de sopa de letras onde a palabra mesma, a súa traducción literal, determina a acción. Textos debuxados de maneira coreográfica, escrituras que debuxan palabras, palabras movidas polo espazo impresas en diferentes obxectos… Un percorrido de accións que investiga sobre a propia anatomía da palabra e da linguaxe que traballa entre a estrañeza e a familiaridade para que emerxa a experiencia real do espectador. Canta flexibilidade pode conterse nunha palabra?
Un site specific contextual que convida á audiencia a experimentar a construción da obra a carón da artista, sen bancadas, nin cadeiras, nin puntos fixos. Unha montaxe expositiva en directo que quedará instalada para que os seus restos, rastros e pistas poidan xerar relato en quen as ve e experimenta a posteriori: a reconstrución dos feitos a partir dos desfeitos.
Raquel Ponce
Licenciada en Historia da Arte, fórmase e traballa como bailarina, actriz e directora escénica en Canarias e Madrid. Artista residente do Estudios de Producción del Centro de Arte La Regenta e membro activo e co-fundadora do colectivo artístico independente El Hueco. Co-fundadora da compañía de novas tendencias escénicas Perro Verde.
Intérprete de numerosos espectáculos de danza, teatro e performance entre os que destacan aqueles realizados con Gary Stevens (And), Xavier Le Roy (Extensions, Proyect) e Tino Sehgal presentados en diferentes cidades europeas.
Como creadora realiza e interpreta as pezas escénicas La última vez de siempre, Otra estúpida película norteamericana, Artematón, Cervezas gratis, Y/O, Narcisa e Sin Título, entre outras.
Realiza proxectos de carácter expositivo que puideron verse no Gabinete Literario, Laboratorio B9 do Centro Atlántico de Arte Moderno (CAAM), Instituto Cervantes de Berlín, Festival de performance Cuerpo a Cuerpo no Centro de Arte La Regenta, Festival de Cine de las Palmas de Gran Canaria, Casa de los Coroneles en Fuerteventura, no Tragaluz Digital da Sala de Arte Contemporáneo de Santa Cruz de Tenerife, Festival Cinemadamare en Italia, Bienal de Arte de Dakar, Festival a ras de suelo, Área 60 en Tenerife Espacio de las Artes, dirixido a artistas emerxentes e comisariado por Ángeles Alemán.