So de Cop
Arnau ObiolsA instalación de obxectos sonoros construídos por Arnau Obiols é a conxunción do interese deste artista, un dos máis interesantes na creación contemporánea, a partir dos arquivos da música de tradición oral, nos ámbitos da experimentación sonora e as artes visuais plásticas.
Despois de explorar xa esta unión noutras instalacións de maior formato como Butzurada, co escultor Ernest Altés, para SO DE COP xoga con pequenas pedras, madeiras, dentes, auga, caracois e outros elementos naturais que se frotan, chocan ou acariñan entre eles, movidos por dispositivos mecánicos que se activan na poética de Arnau.
En SO DE COP cada peza pode sentirse como un obxecto visual ou como un enxeño sonoro, todo ligado na beleza, o misterio e a sonoridade dos elementos propios do bosque, pero intervidos con pequenos motores e música que dan unha nova vida a cada un deles.
AVISO CAMBIO DE LOCALIZACIÓN: a instalación SO DE COP estará na Sala Seminario do Museo Centro Gaiás (Andar 0).
Arnau Obiols
Nace na Seu d’Urgell, no Pireneo catalán, un outono de 1985. De pequeno comeza a tocar a percusión con obxectos que atopa nas casas de labranza dos seus padriños. Desde entón, a batería e a percusión acompañárono sempre. Máis adiante, o canto pirenaico unirase á percusión como compañeiro esencial para facer cantar a vida.
Arnau Obiols publicou seis álbums e tocou en proxectos de diferentes ámbitos musicais, sobre todo dentro do jazz contemporáneo e da improvisación. Nos últimos anos especializouse na revisión, desde unha perspectiva contemporánea, da tradición musical do territorio catalán-falante e, especialmente, do Pireneo.
Nas intervencións artísticas na natureza atopou unha vía para expresar a súa maneira de vivir e de ver o mundo (Rocs de Alendo Suite, Solo en se movimients, Ofrena, Brots Transhumants), e os proxectos interdisciplinares con artistas da danza, a poesía, o cinema, a escultura ou a literatura tamén son habituais na súa obra.