Programa Escenas do Cambio 2020

Os contadores de historias e de contos que conflúen neste espectáculo son recoñecidos polo colectivo da narración oral como posuidores dun universo propio e dunha voz singular, unha maneira especial de contar as historias.

Estes eloxios son inexactos, xa que o universo é común, pertence á sabedoría colectiva, e a voz é emprestada, as persoas que lles
contaron os contos entregáronlles no mesmo saco, as ironías, as pausas, a elegancia labrega, as palabras e a autoridade.

Por esta razóns, o trío (Celso, Guti e Quico) participaron en eventos afastados da tradición, como este mesmo festival Escenas do
Cambio (Santiago), AlkantaraFest (Lisboa) e o BAD de Bilbo co espectáculo Os contos de Joselín un produto da Central Folque
entre outros. Sen deixarse cegar polo ouropel post-moderno regresan unha e outra vez ás aldeas, pobos e tabernas e engraxan a lingua e a memoria para continuar alimentando o espectáculo da palabra falada, o maior espectáculo do mundo.

No repertorio destes tres, hai moitos contos que foron contados por vellas, a quen llos contaron outras vellas. Unha progresión xeométrica de vellas. Nunca se coñeceron as vellas de Guti, Quico ou Celso, mais poderían manter unha conversa entre si á luz do carburo ou sobre o hule das cociñas aldeás. Moitas veces, as sesións de contos son sesións de espiritismo, e as vellas aparecen na axuda do narrador que se perdeu nun chiste, ou nun comentario de actualidade, e faino voltar ao rego do relato. As vellas que depositan neles ensalmos, historias e receitas, pediron e lograron un lugar na escena, por iso este espectáculo mutante preséntase como Tres vellas (polo menos).

Neste exclusivo show, manifestaranse as olladas profundas, as mans encalecidas de todos os labores e o afiado sentido do gusto das vellas, e chegará un momento no que o auditorio sentirá o recendo dos honestos guisados do pasado. E ao rematar, os espectadores, coa boca chea, sairán a soñar co prato fumegante da memoria.

ENTRADAS Á VENDA PROXIMAMENTE

Ficha artística

Estrea

(ENG) World premiere