Escenas do Cambio busca rapaces de 8 a 11 anos para unha novidosa experiencia teatral

09/01/2017


Escenas do Cambio 2017 conta por primeira vez no seu programa cunha obra teatral protagonizada por nenos. Concretamente por rapaces de 8 a 11 anos. Trátase da peza Crazy but True, instalación interactiva ideada por Ant Hampton e estreada en Santiago de Chile en abril do 2016.

A Cidade da Cultura abre unha convocatoria a rapaces de entre 8 e 11 anos que desexen participar nesta divertida e novidosa experiencia teatral, para a que non se precisan guión nin ensaios. Só é preciso inscribirse e acudir a tarde do 4 de febreiro ao Museo Centro Gaiás disposto a ser un actor improvisado.

Crazy but True é unha instalación interactiva que transforma os nenos en expertos dirixíndose ao público. Os rapaces reciben as súas frases a través de auriculares, repetindo o que escoitan polos micrófonos, sen ensaios previos. Frases como “Un reloxo estropeado di a hora correcta dúas veces ao día”, “Hai máis formas de vida na pel que en todo o planeta”, “Os tabeiróns teñen máis de 30.000 dentes durante toda a súa vida”, “A momia máis antiga do mundo é un neno”… Toda unha lista de feitos extraordinarios disfrazados de conversa, algúns serios, outros realmente graciosos.

Para máis información e inscricións: produccion4@cidadedacultura.org.