Escenarios

GAIÁS, CIDADE DA CULTURA DE GALICIA
28 DE XANEIRO - 13 DE FEBREIRO 2017


MUSEO CENTRO GAIÁS Cidade da Cultura de Galicia. Monte Gaiás s/n Principal escenario de Escenas do Cambio desde a súa primeira edición. A súa beleza e flexibilidade converten este edificio da Cidade da Cultura de Galicia no espazo perfecto para acoller exposicións de gran dimensión, eventos culturais e espectáculos de artes escénicas. Neste 2017 localizaranse un total de catro salas de escénicas, xunto á Sala Seminario, onde se impartirán as conferencias. Andar -1: Sala 1 e 3. Andar 0: Sala Seminario Andar 1: Sala 2. Andar 2: Sala 4. BIBLIOTECA E ARQUIVO DE GALICIA Cidade da Cultura de Galicia. Monte Gaiás s/n Cabeceira do sistema de arquivos e bibliotecas galegas e do patrimonio documental da nosa comunidade, a Biblioteca e Arquivo de Galicia reúne, conserva e difunde todo o patrimonio bibliográfico e documental da comunidade e facilita o seu acceso, xa sexa de forma presencial ou virtual. Peza clave para as actividades culturais relacionadas co libro, a lectura e as bibliotecas, a difusión da cultura galega é un dos grandes obxectivos desta institución. A súa sala de lectura será obxecto de ocupación neste Escenas do Cambio 2017. TORRES HEJDUK Cidade da Cultura de Galicia. Monte Gaiás s/n Deseñadas en 1992 polo arquitecto John Hejduk (Nova York, 1929-2000) como torres botánicas para o parque compostelán de Belvís, Peter Eisenman decidiu recuperar o proxecto do seu amigo e compañeiro en The New York Five -grupo que mellor representa o espírito do neorracionalismo arquitectónico- e propuxo a súa construción na Cidade da Cultura. Desde hai anos, as Torres Hejduk funcionan como un espazo de arte non convencional, albergando no seu interior diversas instalacións artísticas. SALÓN TEATRO Rúa Nova, 34 Situado na zona histórica de Santiago de Compostela, o Salón Teatro foi inaugurado de novo en 1999 tras unha intervención arquitectónica que permitiu recuperar para a escena este espazo do ano 1920, despois de dúas décadas sen representacións. Xestionado na actualidade pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Agadic, o teatro acolle a exhibición en Compostela de todas as producións do Centro Dramático Galego —que ten aquí a súa sede—, ademais dunha programación aberta ás distintas disciplinas escénicas, á música e ao cinema. A súa capacidade é de 272 butacas. TEATRO PRINCIPAL Rúa Nova, 21 Con capacidade para 434 espectadores, o Teatro Principal atópase na mesma zona monumental compostelá e ofrece unha variada programación xestionada directamente polo Concello de Santiago, que é o seu propietario. O edificio foi construído en 1842 a partir do deseño do arquitecto Manuel de Prado y Vallo. Mais no ano 1988 levouse a cabo unha importante reforma dirixida polos arquitectos Rafael Baltar, José A. Bartolomé, Carlos Almuiña e Gerardo Salvador. CENTRO GALEGO DE ARTE CONTEMPORÁNEA Rúa Valle Inclán, 2 Proxectado polo arquitecto portugués Álvaro Siza Vieira entre 1988 e 1993, o CGAC está situado nunha das zonas monumentais máis sensibles e suxestivas de Santiago de Compostela, nos límites do centro histórico, moi preto do convento e a igrexa de San Domingos de Bonaval. O edificio, que se caracteriza polo diálogo coa historia da cidade, reflicte a admiración do seu artífice polos racionalismos e o movemento moderno. O auditorio do CGAC acollerá, un ano máis, as proxeccións das películas que integran Escenas do Cambio 2017. SANTIAGO DE COMPOSTELA RAILWAY STATION Rúa do Hórreo, 75 Escenas do Cambio nace coa vocación de ocupar con arte espazos non convencionais. Na edición do 2017, un deles será a Estación de Tren de Santiago de Compostela, inaugurada en abril de 1943. Con máis de 1,5 millóns de viaxeiros ao ano, o edificio da estación de tren segue o esquema dun pazo: un pavillón central de dous pisos flanqueado por dúas ás laterais que nos seus extremos posúen dúas torres de planta cadrada. A estación componse de tres plataformas, unha lateral e dúas centrais ao que acceden cinco vías. Conta con atención ao cliente, punto de información, venda de billetes, aseos, cafetería e alugueiro de coches. SANTIAGO DE COMPOSTELA A propia cidade histórica de Santiago de Compostela será escenario de Escenas do Cambio 2017. Compostela foi declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco grazas a súa beleza monumental, extraordinaria conservación e por ser meta dunha milenaria ruta de peregrinación: o Camiño de Santiago, que desde o século IX transformou esta paraxe da finis terrae nun punto de encontro da fe o pensamento do mundo occidental. San Domingos de Bonaval San Domingos de Bonaval, s/n. A Igrexa de San Domingos de Bonaval, obra de transición entre o románico e o gótico cunha elegante cabeceira de estilizados ventanais, será outro dos escenarios de Escenas do Cambio. A igrexa alberga o Panteón de Galegos Ilustres, no que descansan figuras como Castelao, Rosalía de Castro ou Alfredo Brañas.