
Descubrir o escuro sen poñelo ao descuberto e dobrar onde o interior chega a ser exterior. Aparición ou desaparición? O que une as cousas entre si é a insignificancia da súa oposición e como todos os opostos enfrontados, non hai nada que reconciliar. É simplemente unha cuestión de iluminación. Cando a luz se move, unha superficie é revelada. Cando un buraco se move, unha superficie é inventada. Así que non preguntes que é o que deberías ver, senón onde esta o teu lugar.
Alejandra Pombo
Na fronteira das artes visuais, o cine e as artes en vivo, Alejandra Pombo (Santiago de Compostela, 1979) presenta o seu último traballo Adelante la selva, que ela define como unha experiencia cinemática. Licenciada en Artes Visuais na Facultade de Belas Artes da Universidad Complutense de Madrid, Alejandra Pombo amplía os seus estudos académicos en Barcelona realizando o mestrado en Artes Dixitais da Universidade Pompeu Fabra e cursando o PEI (Programa de Estudos Independentes) impartido polo MACBA. Actualmente acaba de finalizar a súa tese sobre os paradoxos da introducción da noción de performance na arte.Como artista móvese entre a performance, a poesía e a experimentación coa imaxe en movemento.
FICHA ARTÍSTICA
Produción de películas apoiada por: PACT Zollverein, The Project What is Third, CA2M, La Casa Encendida, Matadero Madrid, MAC | Asistencia artística: María Jerez | Agradecementos: Loreto Martínez Troncoso, María Jerez, Silvia Zayas, Alberto Anglade, Märten Spängberg, Velasco Broca, Clean Room, Manu Pombo, Manuel Pombo e Victoria Suárez.
Estrea
Estrea absoluta no festival Escenas do Cambio 2017.