Aparato radical. Maida Carvallo
Aparato radical. Maida Carvallo

Aparato radical (Work in progress)

Manuela Infante | Chile – 75 minutos

9 Febreiro | 20:30 – Sala 1. Museo Centro Gaiás


Aparato radical. Maida Carvallo
Aparato radical. Work in progress. Manuela Infante. Foto: Maida Carvallo

Aparato Radical é un monólogo polifónico, ramificado, exuberante, reiterativo, divisible e sésil. A súa protagonista é unha muller, que non é un individuo; é unha multitude, un enxame. Esta non é unha obra animal, é unha obra vexetal. Baseándonos no pensamento revolucionario de filósofos das plantas como Michael Marder e neurobiólogos vexetais como Stefano Mancuso, a exploración consiste en sondar os modos en que novos conceptos como a intelixencia vexetal, a alma vexetativa ou a comunicación vexetal poden transformar a nosa práctica creativa. Se aceptamos que as plantas teñen outras formas de pensar, sentir, comunicarse, outra forma de ser intelixentes, outra forma de conciencia e outra noción do tempo, quizais poderemos ver transformarse as nosas propias nocións do que é pensar, sentir, estar, comunicarse e ser consciente. En palabras de Michael Marder, “recoñecer un “outro” válido nas plantas é tamén empezar a entender como é ese outro vexetal que hai dentro de nós”. Aparato radical ronda incansablemente ao redor dun diálogo imposible, o dos seres humanos e as plantas. Un diálogo falido coa natureza que é, quizais, o noso monólogo máis innato.

Manuela Infante

Licenciada en Artes da U. de Chile e cun Mestrado en Análise Cultural da U. de Ámsterdam. Desde o ano 2001, xunto coa súa compañía Teatro de Chile, traballou como dramaturga e directora montando as obras “Prat”, “Juana” , “Narciso”, “Rey Planta”, “Cristo” , “Ernesto” , “Multicancha”,  “Loros Negros” e “Zoo” , na súa maioría financiadas polo Fondo Nacional de las Artes. A estas obras súmase a montaxe “Fin” (2008), producida e estreada no festival de Módena, Italia. Tamén a obra “What´s he building in there?” (2011) como residente do centro de investigación teatral de Bob Wilson, The Watermill Center. Dirixiu as obras “On the Beach” curada por Bob Wilson e estreada no Barishnikov Arts Center en Nova York (2012) e “Don´t Feed the Humans” estreada en Hebbel am Ufer en Berlin. O seu traballo foi presentado en Alemaña, Holanda, Irlanda, España, Italia, Estados Unidos, Perú, México, Arxentina e Brasil.

Ficha artística

Dirección: Manuela Infante | Dramaturxia: Manuela Infante e Marcela Salinas | Elenco: Marcela Salinas | Deseño integral: Rocío Hernández | Produción: Carmina Infante.

Estrea

Estrea absoluta en Escenas do Cambio 2017.