

Os habitantes de Villa 21, barriada de Bos Aires, deciden sacar partido da súa paupérrima situación: Por que contratar actores para que fagan de pobres cando se pode contratar pobres verdadeiros? E así, liderados por Julio Arrieta, constitúense nunha factoría cinematográfica independente que ofrece personaxes de caracterización para o cine (alcólicos, drogadictos, delincuentes) reais, construtores de decorados capaces de levantar unha casa en tres minutos. Villa 21 convértese desta forma nun set de rodaxe que incluso Alan Parker chega a visitar en busca de localizacións para a súa película “Evita”.
Federico León (Buenos Aires, 1975). En teatro escribiu e dirixiu Cachetazo de campo, Museo Miguel Ángel Boezzio, Mil quinientos metros sobre el nivel de Jack, El adolescente, Yo en el Futuro, Las Multitudes e Las ideas. Escribiu, dirixiu e actuou na súa primeira película, Todo juntos. En 2007 escribiu e dirixiu xunto a Marcos Martínez, a súa segunda película: Estrellas. En 2009, xunto a Martín Rejtman, escribiu e dirixiu Entrenamiento elemental para actores. En 2014 realizou La última película, unha serie de intervencións en ex cines transformados en estacionamentos de coches. Polo seu traballo obtivo diversas distincións: Primeiro Premio de Dramaturxia do Instituto Nacional de Teatro, Premio Konex 2004 en letras pola produción do quinquenio, Fondo Nacional de las Artes, Primeiro Premio Nacional de Dramaturxia 1996-1999, entre outras.