

Introducing The Star é un espectáculo de danza, unha película e un álbum de música. A peza fala sobre a necesidade de comuñón en situacións de éxtase colectivo físico e sonoro, e formula a posibilidade de crer nunha figura que sirva de facilitador para estas experiencias, un personaxe chamado The Star. Para iso aprópiase do imaxinario e as estratexias do pop, deconstruíndo a identidade rotunda do líder noutra identidade mutable e imprecisa, reflectora. Introducing the Star é un xerundio, a introdución a un imaxinario cosmogónico. É unha ficción musical atravesada polo autobiográfico, unha cosmogonía épica e intimista, unha fábula con coristas embarazadas, virus voadores, xestacións, contaxios, bebés, ciencia ficción e música electrónica. É unha narración fragmentada, saturada, chea de erros e dúbidas. O madrileño Pablo Esbert Lilienfeld, que xa nos visitou como intérprete de Alessandro Sciarroni, e o coruñés Federico Vladimir Strate Pezdirc convídannos a un mundo insólito e poderoso, un espazo imaxinario onde todo é posible.
Pablo Esbert Lilienfeld (Madrid, 1981) é coreógrafo e músico. O seu traballo foi seleccionado en Aerowaves Europe e presentado internacionalmente en festivais como FIDCU (Montevideo), During TEFAF (Maastricht), B-Motion (Italia), El Grec (Barcelona) ou 321 La Alhóndiga (Bilbao). Federico Vladimir Strate Pezdirc (Bos Aires, 1983) é artista visual. O seu traballo amosouse en Cinéma du Réel (Centro Pompidou, París), BFI (Londres) e en museos como o MARCO, CGAC ou Es Baluard. Recibiu o premio do Auditorio de Galicia, o premio proxecto INJUVE e a bolsa de artes visuais Gas Natural Fenosa. Pablo e Federico comezaron a colaborar en 2014 con Introducing the Star. Cantos del Hain (2017) é o seu segundo traballo xuntos.