Introducing the star
Introducing the star

Introducing The Star

Pablo Esbert Lilienfeld/Federico Vladimir Strate Pezdirc | Galicia/Madrid – 60 minutos

12 Febreiro | 20:30 – Sala 1. Museo Centro Gaiás


Introducing the star
Introducing the star. Pablo Esbert/Federico Strate

Introducing The Star é un espectáculo de danza, unha película e un álbum de música. A peza fala sobre a necesidade de comuñón en situacións de éxtase colectivo físico e sonoro, e formula a posibilidade de crer nunha figura que sirva de facilitador para estas experiencias, un personaxe chamado The Star. Para si aprópiase do imaxinario e as estratexias do pop, deconstruíndo a identidade rotunda do líder noutra identidade mutable e imprecisa, reflectora. Introducing the Star é un xerundio, a introdución a un imaxinario cosmogónico. É unha ficción musical atravesada polo autobiográfico, unha cosmogonía épica e intimista, unha fábula con coristas embarazadas, virus voadores, xestacións, contaxios, bebés, ciencia ficción e música electrónica. É unha narración fragmentada, saturada, chea de erros e dúbidas. O madrileño Pablo Esbert, que xa nos visitou como intérprete de Alessandro Sciarroni, e o coruñés Federico Strate convídannos a un mundo insólito e poderoso, un espazo imaxinario onde todo é posible.

Pablo Esbert e Federico Strate

Pablo Esbert Lilienfeld (Madrid, 1981) é coreógrafo e músico. O seu traballo foi seleccionado en Aerowaves Europe e presentado internacionalmente en festivais como FIDCU (Montevideo), During TEFAF (Maastricht), B-Motion (Italia), El Grec (Barcelona) ou 321 La Alhóndiga (Bilbao). Federico Vladimir Strate Pezdirc (Bos Aires, 1983) é artista visual. O seu traballo amosouse en Cinéma du Réel (Centro Pompidou, París), BFI (Londres) e en museos como o MARCO, CGAC ou Es Baluard. Recibiu o premio do Auditorio de Galicia, o premio proxecto INJUVE e a bolsa de artes visuais Gas Natural Fenosa. Pablo e Federico comezaron a colaborar en 2014 con Introducing the Star. Cantos del Hain (2017) é o seu segundo traballo xuntos.

Ficha artística

Un proxecto de: Pablo Esbert Lilienfeld e Federico Vladimir Strate Pezdirc | Iluminación: Carles Rigual | Deseño de vestiario: Aarón López | Mirada externa: Sonia Gómez | Música orixinal: Pablo Esbert Lilienfeld | Narrador: Simon Foxall | Deseño gráfico: Juan Esbert | Produción do álbum: Fernando Vacas | Produción: MOM EL Vivero / Marta Oliveres – SUDHUM Teatro | Reparto da película: Dying Breed, Heidi Smith, Héctor Navarrete, Janet Novás, Domas Noreika, Eglé Stirna, Agne Kolontaite, Aušra Vismantaite, Dovile Alseika , Agne Vaiciukevičiūtė | Coa axuda de: Comunidad de Madrid, La Casa Encendida e CA2M, Graner, Paso a 2, TanzHaus Zurich, RedicencYoyo Zeimiai-Lituania | Grazas a: Studio DDZ.

Estrea

Novembro 2015, Madrid en Danza, Cuarta Pared.