
Porque yo soy tú porque tú eres yo porque somos otros é o resultado do obradoiro que Loreto Martínez Troncoso e Alejandra Pombo levarán a cabo durante a semana do 6 ao 11 de febreiro no marco de Escenas do Cambio. A partir das experiencias durante esta semana escribirase o texto poético-manifesto que realmente estará presente no obradoiro. É dicir, après coup. Après coup, literalmente, quere dicir despois do golpe. Comezarán por compartir as súas ferramentas e proceso de traballo. Ambas as dúas parten nos seus “relatos” do eu. Un eu que, como ben Rimbaud o evoca nas súas “Lettres du voyant” (Cartas do vidente) é outro. Compartirán tamén lecturas, películas, músicas, xestos, posicións… que acompañen e nutran o seu “pasar ao acto”: a composición, publicación, manifestación dunha múltiple voz a partir dos seus relatos, emocións, silencios e berros. Voz que non só é palabra, todo xesto é palabra, é posición – desde onde un fala? E como?, para, con quen? Para convocar/activar a manifestación desta múltiple voz a partir de cada unha das súas voces, mergullaranse en si mesmos ata acadaren ese sexto sentido que non se ve, non se ule, non se toca, séntese. Pasarán da acción á inacción. Da inmobilidade ao pequeno xesto. Practicarán o “desapego emocionado” e as artes marciais, á súa maneira, a partir do seu “non saber facer” e facelo ben, como un momento de silencio nunha orquestra ou un instante de calma nun vendaval.
Estrea
Estrea absoluta en Escenas do Cambio 2017