
No verán de 2016, cinco amigos deciden xuntarse co ánimo de reconstruír a súa propia memoria xeracional e familiar a través da historia dunha persoa común que desapareceu e marcou as súas vidas: Álex. Un feixe de cadernos, centos de pensamentos, conversacións, fotos, vinilos, casetes e obxectos diversos son os materiais empregados como punto de partida para unha investigación que tamén se converte en descuberta persoal por parte de cada un deles. Como influíron na conformación do discurso individual os nosos referentes? Cantas versións diferentes poden existir sobre un mesmo recordo? De que forma nos pode salvar a memoria da vertixe dun mundo de ritmos cambiantes e imparables? Reflexionando sobre esas preguntas, tratan de revivir certos momentos do pasado transitando entre os límites da realidade e a ficción para poder comprender algo do presente e o futuro, para entender a importancia de estar dun lado ou outro da mesa, para buscar espazos de pausa e rebeldía nos que poder investigar sobre as orixes. Esta é a nova proposta da compañía galega máis prometedora dos últimos anos.
ilMaquinario
ilMaquinario é unha compañía creada no 2012 por Tito Asorey (director), Melania Cruz, Fran Lareu, Fernando González e Laura Míguez (intérpretes). Un proxecto de longo percorrido, que afronta unha nova etapa con este traballo. Un teatro de grande intensidade sustentado no traballo colectivo de artistas novos con experiencia en diversas compañías e nas dramaturxias contemporáneas.
Ficha artística
Elenco: Melania Cruz, Fernando González, Fran Lareu, Laura Míguez e Vazdim Yukhnevich | Deseño de Escenografía: Montse Piñeiro, Laura Iturralde | Vestiario: Yaiza Pinillos | Iluminación: José Manuel Faro ‘Coti’| Dirección musical: Vadim Yuknevich | Música en directo: Vadim Yuknevich, Fran Lareu, Fernando González, Melania Cruz e Laura Míguez | Fotografía e Vídeo: Aitor Uve | Deseño gráfico: José Lameiras | Textos: Tito Asorey, Ana Carreira, Melania Cruz, Fernando González, Fran Lareu, Laura Míguez, María Peinado, Vadim Yuknevich | Distribución: Carlos Martínez Carbonell (Crémilo) | Axudante de dirección: María Peinado | Dramaturxia: Ana Carreira e Tito Asorey | Dirección: Tito Asorey | Unha produción de iLMaquinario Teatro.
Estrea
Xaneiro 2017, Auditorio Municipal de Ourense, Galicia.