
Denominada como unha peza de auto-teatro, The Quiet Volume ocupará o espazo da Biblioteca da Cidade da Cultura a través de auriculares. O “libro silencioso” é unha performance bisbada, auto-xerada e automática para dúas persoas na sala de lectura dunha biblioteca. A peza explora a tensión que caracteriza e irmanda ás bibliotecas en todo o mundo: ese estado, mestura de silencio e lectura concentrada, no que as persoas se mergullan cando len un libro, cada un de forma íntima pero nun lugar público. Dous espectadores/participantes están sentados un ao lado do outro xunto a un feixe de libros. Reciben instrucións escritas e bisbadas que os guiarán nunha enigmática viaxe polas páxinas. Entre eles desenvólvese ese feitizo que se atopa latente na lectura íntima e solitaria dun libro e que agora viaxa en silencio de lector en lector.
Ant Hampton e Tim Etchells
Ant Hampton (1975) fundou Rotozaza en 1998, un proxecto que explora o uso das instrucións que se dan a “artistas invitados” sen ningún ensaio previo, directamente sobre o escenario e en formatos máis íntimos, nos que os intérpretes son os mesmos espectadores (Autoteatro).
Tim Etchells (1962) é un artista e escritor británico. Traballou en diferentes ámbitos e é o director artístico de Forced Entertainment. Ao longo da súa carreira levou a cabo performances, instalacións, vídeos e proxectos editoriais, ademais de dedicarse tamén á fotografía e á literatura de ficción. Expuxo en sedes como o MACBA, Barcelona (2009), a Bienal de Göteborg (2009), Art Sheffield (2008) ou Manifesta 7 (2008).
Ficha artística
Voces versión inglesa: Ant Hampton, Seth Etchells, Jenny Naden | Produción artística: Katja Timmerberg | Gravacións: Binaural TiTo Toblerone | Comisionada e producida por: Ciudades Paralelas, festival de teatro móvil comisariado por Stefan Kaegi e Lola Arias | Director xeral: Katja Timmerberg | Coprodución HAU Berlin, Schauspielhaus Zürich | Coa colaboración de: Goethe-Institute Warschau, Teatr Nowy e a fundación de Teatr Nowy | Co apoio de: Kulturstiftung des Bundes, a fundación cultural suíza Pro Helvetia, Goethe Institute Buenos Aires | Coprodución: Vooruit Arts Centre, Bélxica.