Festival

Escenas do Cambio 2017
TEATRO, DANZA E ARTE EN ACCIÓN


O tempo da escoita é o tempo da acción

 

“Así, o museo contemporáneo realiza o soño modernista dun teatro no que non hai límites claros entre o escenario e o lugar do público- un soño que o teatro mesmo nunca foi capaz de realizar completamente” (Boris Groys).

 

No primeiro programa de man do festival, reconstruíamos brevemente a historia da escena independente en Santiago, sinalando a importancia de Chévere (Premio Nacional de Teatro 2015) e Sala Nasa, e de Matarile e Sala Galán. Nesta terceira edición celebramos os trinta anos de ambas as  dúas compañías. Cando en 2014 nomeamos este festival sabíamos que un cambio real estaba comenzado na escena galega. O festival debía responder a ese cambio, artellar a eses artistas a miúdo inclasificables, dotar de recursos e acompañar a formación e as inquedanzas dos novos creadores. Teatro documental, autobiográfico, teatro da memoria, todas as etiquetas son inútiles para un cambio que trata de desvelar os mecanismos da sociedade do espectáculo, e que propón unha volta ao eu, ás persoas, ao que temos en común, ao que somos en común.

O programa de Escenas do Cambio 2017 é unha resposta a ese cambio, un programa que dialoga directamente cos traballos das compañías e creadores escénicos de hoxe, os que marcan o camiño a seguir para construír un novo teatro para un novo país.

En setembro de 2016 recibíamos a invitación do Kunstenfestivaldesarts para formar parte da rede de festivais máis importante de Europa, THE TIME WE SHARE. Ao mesmo tempo, no inicio de outubro, Voadora presentaba Don Juan en Montbeliard Ma Scène Nationale cuxo director puido ver o espectáculo en Escenas do cambio 2016. Era a primeira presentación de Voadora en Francia, un traballo apoiado por Escenas do cambio que tivo unha gran repercusión entre a crítica  e a prensa francesa. Todos os proxectos que no festival do ano pasado apoiamos ou coproducimos (Nuria Sotelo, Patricia Caballero, e os dous traballos de Lagartijas tiradas al sol) tiveron un percorrido nacional e internacional, e todo isto é motivo de ledicia para nós.

Outro ano máis nos preguntamos, onde estamos, que espazos e condicións temos? Que podemos facer con iso? Decidimos seguir en busca de lugares imaxinados que habitar, en busca dos límites da representación. Varios dos obradoiros e traballos deste ano están orientados a esa cartografía do lugar, saber que elementos externos forman o feito teatral, canto se pode desvelar da representación, enfrontala aos seus límites, reformular a dicotomía dentro-fóra, cuestionar os límites do corpo, e as relacións dos corpos coa historia. Para iso, ademais dos traballos en formatos non convencionais, retomamos a liña de traballo presente desde o inicio do festival con varios proxectos coa comunidade, e despregamos ocupacións diversas da Cidade da Cultura e da cidade de Santiago.

A escoita é o asunto central de Escenas do cambio 2017. Neste tempo tan difícil, con millóns de seres absorbidos pola tecnoloxía, propoñemos unha serie de pezas que son unha toma de palabra, unha invitación ao murmurio, ao canto, ás palabras necesarias, e, por suposto, ao silencio que envolve esas palabras. A acústica dos teatros gregos era, en si mesma, unha obra de arte. A voz estaba integrada nunha paisaxe natural, formaba parte do cosmos, e era escoitada polos deuses. A historia do teatro é, tamén, a evolución dunha forma de escoitar. Hoxe, os auriculares permítennos unha escoita que é un acto íntimo e colectivo ao mesmo tempo. Somos fillos daqueles teatros gregos. Tamén nas rúas de Santiago escoitaremos relatos e coros, voces para contar a historia dunha cidade. O tempo da escoita é o tempo da acción. Do outro lado, onde a nosa vista non alcanzaba, tamén sucedían cousas. Dunha forma estraña, as nosas mensaxes chegaban ata eles, e as súas mensaxes chegaban ata nós. Onde críamos que non había ninguén, estaban todos.

 

Pablo Fidalgo Lareo
Director artístico do Escenas do Cambio