A Cidade da Cultura preséntase como un punto de conexión de Galicia co resto do mundo e un motor para impulsar proxectos culturais innovadores. Construída no cumio do Gaiás, un dos montes que rodean Santiago de Compostela, o arquitecto norteamericano Peter Eisenman deseñou esta “cidade” que semella xurdir da terra para erixirse como unha icona da Galicia contemporánea, dialogando coa Compostela milenaria, Patrimonio da Humanidade e destino do Camiño de Santiago.
Este espazo, destinado á cultura, ao emprendemento e á tecnoloxía, acolle catro institucións culturais:
- MUSEO CENTRO GAIÁS. A súa beleza e flexibilidade convérteno no espazo perfecto para acoller exposicións de gran dimensión, eventos culturais e espectáculos de artes escénicas. É o centro cultural e artístico da Cidade da Cultura.
- BIBLIOTECA E ARQUIVO DE GALICIA. Preservan a memoria bibliográfica e documental da comunidade e actúan como cabeceiras da rede pública de bibliotecas e arquivos.
- CENTRO DE EMPRENDEMENTO CREATIVO. Acolle a Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), que impulsa o tecido empresarial no sector cultural, un espazo de coworking, un viveiro de empresas e unha área de empresas TIC que engloba o proxecto de crowdworking ‘Galicia Open Future’ de Telefónica, ‘Connecting for Good Galicia’ da man de Vodafone e o ‘Centro de Excelencia en Intelixencia de Negocio’ liderado por HP.
- CENTRO DE INNOVACIÓN CULTURAL (CINC). É sede da Fundación Cidade da Cultura e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, que aglutina os servizos tecnolóxicos da Administración galega.
- ESPAZOS NATURAIS. O Bosque de Galicia, o Xardín Literario e o Parque do Lago son os tres espazos verdes cos que conta o Gaiás. Tres lugares nos que gozar da natureza, descansar, practicar deporte e hábitos de vida saudable a través da súa rede de sendas e admirar novas caras da cidade de Compostela