“A arte é unha acción persoal que pode valer como exemplo, pero nunca ter un valor exemplar”. Isidoro Valcárcel Medina

Chegamos así á quinta edición de Escenas do cambio. Rachamos, cada vez máis, coa noción de escena pechada, coa idea do teatro e da danza. No noso desexo e necesidade de coñecer as fontes, convidamos os dous creadores principais da vangarda española, Esther Ferrer e Isidoro Valcárcel Medina, a compartir connosco as súas accións políticas, irreverentes, sempre disidentes.

Disidencia era o eixe central do noso anterior festival, e esa idea de disidencia é na que afondamos nesta nova edición. Non se pode nin se debe empezar sempre desde cero. Deste xeito, e recollendo o fío do concepto de disidencia que estruturou a edición anterior, seguimos apostando polas liñas de traballo que construíron, ao noso entender, a identidade do festival.

Seguimos o traballo con comunidades, na peza Ifeel4, de Marco Berrettini (con nenos e nenas); en Gatillo da felicidade (Trigger of happiness) de Ana Borralho e João Galante (con adolescentes); e na peza de Esther Ferrer Os voy a contar mi vida (con persoas xordas e ouvintes). Continuamos coa vontade de presentar pezas históricas da danza e do teatro que se sitúan nun espazo de total actualidade, como os Tres solos de Vera Mantero ou Sans titre, de Tino Sehgal.

E continuamos co noso especial interese en potenciar a creación galega, apoiando a artistas que presentaron o seu traballo en edicións anteriores e que viron crecer a súa carreira a partir de Escenas do cambio.

Completamos a programación con pezas como MDLSX, de Motus, Jinete Último Reino de María Salgado ou Minor Matter de Ligia Lewis, que profundan nunha visión feminista, complexa e radical da realidade actual. Tamén François Chaignaud ou Alessandro Sciarroni tocan o tema do xénero, a dualidade e a disidencia con respecto á propia identidade.

Concentrámonos nun formato cada vez máis performativo, de cubo branco e de museo. Seguimos centrados na formación e na posibilidade de atopar un festival cunha identidade clara no espazo museístico. No baleiro, na nudez, as palabras dinse máis claras, os corpos vense mellor, e as mensaxes son transparentes sen ser simples. Teatro pobre, poesía radical.

Pablo Fidalgo. Director artístico de Escenas do cambio