Camiños houbo e haberá moitos. A literatura sobre o camiñar gañou moita presenza nos últimos anos, e Le Breton, Thoreau, Herzog, Handke e tantos outros ensináronos que o camiño é unha idea abstracta e sobre todo un xesto de resistencia ao mundo do capital, un convite a parar. A idea de camiño, peregrinación e percorrido está presente nas tres pezas galegas que presentamos. A peza de Los Bravú é un paseo polo mundo da xente nova de hoxe, pasando polos estereotipos e a relación coas novas tecnoloxías. Pentecostés, da rebautizada compañía Pálido Domingo, pon a atención sobre o corpo do esforzo, sobre os pequenos movementos que definen un corpo que camiña e loita cun obxectivo. Tres vellas (polo menos) fálanos, como todo o traballo dos contadores, dun país cheo de poesía e relatos íntimos apaixonantes; de traballo, de emigración, de longas viaxes feitas para sobrevivir.

Ao mesmo tempo, todos os e as artistas internacionais que presentamos teñen presente esta idea sempre de movemento e transformación. É o caso da viaxe de Munyaneza desde a súa Ruanda natal, onde viviu a traxedia dos anos 90, ata Marsella onde agora vive sen deixar pasar a oportunidade para facer memoria sobre o acontecido no seu país. Pero tamén no percorrido físico ata a extenuación (catro horas de peza) da performance Relay de Ula Sickle. Está presente nos camiños infinitos de Europa percorridos pola húngara Eszter Salamon residente entre Berlín e París (esta vez coa súa nai acompañándoa), e nos camiños do mal e da violencia que asoman na peza de Gisèle Vienne.

Atopámola no camiño do flamenco (Leonor Leal) ata a súa versión e linguaxe mixta actual, no camiño de exploración da linguaxe de Romain Teule e no camiño de Hamlet ata saír do teatro e acabar sendo xulgado por un xuíz real, na peza de Roger Bernat.

Unha amiga contoume unha vez que o seu avó, vivindo nunha aldea practicamente abandonada, dedicou os últimos anos da súa vida a manter abertos os camiños do monte para chegar e saír do pobo. Cando ela lle preguntou por que o facía, el respondeulle simplemente, por se alguén algunha vez os necesita. Ese é aínda o noso camiño hoxe.

Pablo Fidalgo Lareo
Director artístico de Escenas do cambio

[DESCARGA O PROGRAMA AQUÍ]