A Cidade da Cultura preséntase como un punto de conexión de Galicia co resto do mundo e un motor para impulsar proxectos culturais innovadores. Construída no cumio do Gaiás, un dos montes que rodean Santiago de Compostela, o arquitecto norteamericano Peter Eisenman deseñou esta “cidade” que semella xurdir da terra para erixirse como unha icona da Galicia contemporánea, dialogando coa Compostela milenaria, Patrimonio da Humanidade e destino do Camiño de Santiago. Este espazo, destinado á cultura, ao emprendemento e á tecnoloxía, acolle catro institucións culturais:
Museo Centro Gaiás. A súa beleza e flexibilidade convérteno no espazo
perfecto para acoller exposicións de gran dimensión, eventos culturais e espectáculos de artes escénicas. É o centro cultural e artístico da Cidade da
Cultura.
Biblioteca e Arquivo de Galicia. Preservan a memoria bibliográfica e
documental da comunidade e actúan como cabeceiras da rede pública de bibliotecas e arquivos.
Centro de Emprendemento Creativo. Acolle a Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), que impulsa o tecido empresarial no sector cultural, un espazo de coworking, un viveiro de empresas e unha área de
empresas TIC.
Centro de Innovación Cultural (CINC). É sede da Fundación Cidade da Cultura e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, que aglutina os servizos tecnolóxicos da Administración galega.
Espazos naturais. O Bosque de Galicia, o Xardín Literario, o Xardín
do Teatro e o Parque do Lago son os espazos verdes cos que conta o Gaiás. Lugares nos que gozar da natureza, descansar, practicar deporte e hábitos
de vida saudables a través da súa rede de sendas e admirar novas caras da
cidade de Compostela.