Principal escenario de 'Escenas do cambio' desde a súa primeira edición. A súa beleza e flexibilidade converten a este edificio da Cidade da Cultura de Galicia no espazo perfecto para acoller exposicións de gran dimensión, eventos culturais e espectáculos de artes escénicas.
Andar -1: Sala 1 e Sala 2.
Sede da Fundación Cidade da Cultura e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, que aglutina os servizos tecnolóxicos da Administración galega. Ten varios auditorios para a celebración de eventos ou espectáculos, entre os que se atopa o Salón de Convencións.
Situado na zona histórica de Santiago de Compostela, o Salón Teatro foi inaugurado de novo en 1999 tras unha intervención arquitectónica que permitiu recuperar para a escena este espazo do ano 1920, despois de dúas décadas sen representacións. Xestionado na actualidade pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a través de Agadic, o teatro acolle a exhibición en Compostela de todas as producións do Centro Dramático Galego — que ten aquí a súa sede —, ademais dunha programación aberta ás distintas disciplinas escénicas, á música e ao cinema. A súa capacidade é de 272 butacas.
A Fundación ten como propósito o estudo da obra de Eugenio Granell, do Surrealismo e de correntes afíns. Con este propósito, na súa sede, o Pazo de Bendaña, fanse exposicións temporais e outras nas que se dan a coñecer os diferentes fondos, nos que hai obras do propio artista (óleos, esculturas, debuxos, colaxes) e tamén doutros parceiros (Miró, Lam, Caballero, Copley, Rodríguez Luna, Duchamp, Steinberg, Abela, Césariny).