Galicia conta con multitude de creadoras en continuo crecemento tanto persoal como profesional. Estas seis coreógrafas e bailarinas son un boa mostra. Todas traballan o discurso dos seus proxectos a través do movemento usando o seu corpo como o lugar da creación. Desde o concepto do feminino os seus traballos destilan feminismo como materia conceptual e a súa estratexia non é outra que a procura constante do que a danza lles suxire para levala ao lugar que lle corresponde nas artes escénicas.

O programa Escenas en danza foi creado para reunir a distintas artistas galegas que, de maneira individual, pero coa idea de colectivo, traballen o espazo como unha paisaxe onde de maneira transitoria e transitable, o público poida gozar dun percorrido de danza polas entrañas da Cidade da Cultura.

Elas non bailan soas e son o claro exemplo de que a danza en Galicia é e será referente do esforzo das mulleres que bailan e non se renden e que manteñen a calidade e a tenrura por riba da in-visibilidade.

[ AVISO ! O público debería asistir con teléfono móbil (coa batería cargada) no que dispoña dun lector de códigos QR e uns auriculares para gozar plenamente dalgunha das pezas de danza]

Begoña Cuquejo_Galicia danza

Como coreógrafa recibe ou Premio Injuve en 2010, foi seleccionada no Certamen Coreográfico de Madrid en 2008. Os seus últimos proxectos Bailarina Oscila creada con Sonia Gómez en residencia Graner e FestivAlt de Vigo, Nomadismo relacional (La Casa Encendida, Madrid) e a peza #spanishwashing con Matías Daporta.

No ámbito universitario destacan os obradoiros impartidos na HETS en Xenebra, Na Universidade de Lublin, Resad en Madrid, traballa como titora do Master en innovación pola USC. Cofunda e dirixe a aula de danza Universitaria do Campus de Ourense (D-ou-tras). Tamén é directiva e xestora cultural durante dous anos na asociación de profesionais de Galicia Danesga, na actualidade forma parte da asociación A Performative onde dirixe o Festival EnCorpsEnSemble en Xenebra.

Como traballo comisarial destácase en 2014 o Festival de Performance no CGAC De Corpo en Lugar, e o Festival corpo(a) terra.

Grazas á súa múltiple experiencia clínica e sistémica en Hipnose é regularmente solicitada como ollo externo ou dramaturga. Traballou durante 3 anos como mediadora cultural para o servizo da cultura do concello de Meyrin, Suíza.

Castro é unha peza de danza inmersiva, que poderá ser visionada a través de dispositivos dixitais in situ, trátase dunha danza xeolocalizada, inspirada na figura do alcalde de Ourense falecido Manuel Suárez Castro, a través da memoria ou esquecemento histórico que se poden ver debuxado no corpo dos seus familiares femininos.

Participan: Laura Iturralde e outros artistas | Obra creada grazas á axuda e distribución de Prohelvética

Clara Ferrão

Intérprete, docente e creadora de danza contemporánea. Comeza os seus estudos en danza clásica e achégase á danza contemporánea en Madrid no ano 2003.Titulada polo Real Conservatorio Profesional de Danza Mariemma, Madrid, en ensino profesional na especialidade de danza contemporánea.

No 2015 realiza un Máster en Danza e Artes do Movemento na Universidade de Murcia. Como bailarina, cabe destacar a súa participación en eventos coa Fura dels Baus ou na peza Garaxe da compañía de teatro Voadora. Tamén traballa de forma colectiva como coreógrafa e bailarina colaborando con distintas compañías. Recibe o premio á mellor intérprete no Certamen La Espiral Contemporánea de Santander en 2019 coa peza Miñaxoia.

Actualmente traballa coa compañía “Ao-badulaque” de Cáceres, na súa nova produción Serrana. Compaxina a súa traxectoria profesional como bailarina co ensino, impartindo clases regulares, obradoiros e jams en diferentes centros e festivais.

 

Kirenia Martínez

Bailarina, actriz e coreógrafa nada en Santa Clara (Cuba). Conta co título de Nivel Medio Superior da Educación Técnica Profesional, na especialidade de Actuación, pola Escola Nacional de Arte de Cuba; así como o título de primeiro Nivel de Bailarín de Danza Contemporánea.

Directora e colaboradora artística de varias compañías, proxectos e festivais. Co-directora e fundadora da Compañía Entremans desde (2005 ata a actualidade) tamén foi co-directora artística do Festival Quincegotas (A Coruña, do 2015 ata a actualidade) codirectora artística do Festival dos Eidos desde (2019) Co-directora artística do Festival Empape (A Coruña, do 2008 ao 2011)  e directora da Compañía Kirenia Danza (2019).

 

Paula Quintas

Bailarina, aramista circense, coreógrafa visual e pedagoga. Licenciada en Historia da arte, pola Universidade de Santiago de Compostela, con especialidade en arte contemporánea. Graduada en Danza contemporánea en Trinity Laban Conservatoire of Music and Dance e técnicas circenses en National Centre for Circus Arts de Londres.

Co-directora do Festival Corpo(a) Terra, Ourense, pertencente á Red Acielo Abierto, rede nacional de festivais en espazos non convencionais. Portavoz representante da Danza e o Circo na Comunidade de Galicia, en Escena Galega (Asociación Profesional de Artes Escénicas de Galicia).

Co-directora da Compañía Traspediante con diferentes espectáculos en cartel con recoñecementos nacionais.

María Roja

Performer, actriz e artista visual.

A súa obra xira en torno ao corpo como contedor do íntimo á vez que arquitectura social e política, cun marcado interese nos seus procesos de apropiación, incorporación e transmisión do coñecemento inmaterial, así como na súa potencia como elemento subversivo e de resistencia.

É Licenciada en Belas Artes cun Máster en Artes Escénicas pola Universidade de Vigo e Titulada Superior en Arte Dramática pola ESAD de Galicia. Completa a súa formación no eido da danza da man de diferentes artistas.

Forma parte do colectivo de arte de acción Blanco&Roja e do corpo colectivo transfronteirizo Límites.

Rostro habitual das táboas e a ficción televisiva galegas, no campo da interpretación é salientable o seu labor en compañías de artes escénicas de linguaxe posdramática (Matarile, CDG…) así como a súa participación en producións audiovisuais de corte experimental (9 fugas, Sendeiro…).

No ano 2017 recibiu o Premio María Casares á Mellor Actriz Secundaria. Actualmente compaxina o labor investigador no programa de doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea da UVigo co quefacer creativo nos eidos das artes escénicas e visuais.

Nuria Sotelo

Intérprete de danza, teatro e de linguaxes escénicas. É directora artística da compañía de danza-teatro Licenciada Sotelo. Vencellada á danza desde a súa infancia a través do ballet, continúa a súa formación en danza contemporánea, ioga, danza butoh, teatro e voz nas Aulas de Danza e Teatro das Universidades de Santiago de Compostela e Ourense así como en talleres internacionais. Forma parte do elenco habitual de Matarile Teatro e participou como intérprete e coreógrafa en creacións de compañías de danza, teatro, circo e artistas independentes: Centro Coreográfico  Galego, Femme Fatale, Experimentadanza, Teatro Resoante, Elefante Elegante, María Move Cía., Mikel Arístegui Cía., Cía. Io, Magdalena Arau e Hellen Bertels.

ENTRADAS

 

Ficha técnica

Duración: 60’
Danza
Peza creada ex profeso para o festival por Begoña Cuquejo, Clara Ferrão, Kirenia Martínez, Paula Quintas, María Roja e Nuria Sotelo

PEZAS:
— CASTR@ de Begoña Cuquejo_Galicia danza
— MIÑAXOIA (Adaptación) de Clara Ferrão
— +DURA de Kirenia Martínez (Kirenia Danza)
— MULTIPERSPECTIVAS de Paula Quintas
— RASTREXO EN 570 PASOS de María Roja. Peza creada en colaboración con Alba Blanco (colectivo Blanco&Roja).
— ENTRE de Nuria Sotelo

[ AVISO ! O público debería asistir con teléfono móbil (coa batería cargada) no que dispoña dun lector de códigos QR e uns auriculares para gozar plenamente dalgunha das pezas de danza]

Estrea

Estrea absoluta para Escenas do cambio 2021
Escenas en danza D23Mai, 19H Cidade da Cultura Itinerante en varios espazos | Punto de encontro: Exteriores da Biblioteca e Arquivo de Galicia