Penso na mente dun neno coma un libro en branco – Walt Disney
Atravesando a salvaxe paisaxe interior da mente humana, dous [anti]heroes improbables perseguen visións en forma de pesadelos de liberdade a través dunha serie de episodios de sensualidade intensa e violencia fantasmagórica.
Psychodrama é unha especie de exorcismo cultural pop, un tren desbocado que viaxa atravesando o cranio da/o espectador nunha sinapse chamuscada, un espectáculo soñado, pegañento e escorregadizo, ao redor da brutalidade dos debuxos animados e do poder corrosivo dos relatos que se pregunta de quen son todas esas voces que hai dentro da túa cabeza? E como chegaron alí? E, se puideses silenciar esas voces, faríalo?
Psychodrama é a primeira peza colaborativa creada e interpretada polo escritor, intérprete e músico canadense Christopher Brett Bailey e a compañía de escena experimental Sleepwalk Collective.
SLEEPWALK COLLECTIVE
É unha premiada compañía de arte en vivo e teatro experimental que traballa desde o 2006 entre España e O Reino Unido creando pezas orixinais para teatros e espazos non convencionais que emerxen da fascinación que senten pola cultura popular, a condición humana, e as novas tecnoloxías. As súas pezas combinan textos reflexivos e poéticos cunha coidada estética, e caracterízanse por estar envolvidas nun deseño sonoro e lumínico denso e hipnótico.
Sleepwalk Collective son Iara Solano Arana e Sammy Metcalfe. Xuntos crearon unha ducia de espectáculos para teatros, unha serie de pezas intimistas en formato vis- à- vis e un gran número de accións e pezas escénicas experimentais, algunhas delas site-specific, para espazos alternativos e museísticos que foron programadas en catro continentes e máis de 20 países destacando The Barbican en Londres, o Festival MESS de Saraievo, o Festival de Sydney en Australia, o Festival de Teatro da Habana, ou o Festival Progress de Toronto.
Os seus textos foron publicados por Oberon Books, Routledge e Salamander Street.
CHRISTOPHER BRETT BAILEY
Canadá, 1987. É escritor, músico, creador escénico e intérprete afincado en Londres. O seu debut celebrado pola crítica This is how we die (2014) recibe os premios Arches Brick Award e Off West End Award (na categoría de producións que desafían definición tradicional).
Outros traballos inclúen as pezas músico-teatrais Kissing the shotgun goodnight (2016) e Rated x (2018), e a súa publicación de colección de historias Spoken word Suicide notes (2018).
Colabora habitualmente con Made In China, Andy Field, Mamoru Iriguchi, Glen Neath & Hannah Ringham, Nigel & Louise, e o gran Ken Campbell.
Como músico, é a metade do duo ambiental Moon ate the dark e líder do grupo This machine won’ t kill fascists but it might get you laid.
Christopher é graduado do curso de Teatro Contemporáneo East 15’ s do que actualmente é titor da materia de Escritura Creativa. Tras pasar por Rock School con matrícula de honra terminou un master en Writer’ s Block de Goldsmiths, University of London.
ENTRADAS