Compartir en tempos de distanciamento é tan necesario como a propia arte de exhibir. Os espazos adquiren máis ca nunca a importancia como lugar do percorrido e tamén da parada.

As compañías e artistas convidadas a Escenas do cambio 2021 cargan os seus traballos dun afecto simbólico para convivir nun lugar de tránsito: as rúas, a Cidade da Cultura, o teatro… e así manter vivo e en vivo a arte da escena.

O fío condutor máis importante de este Escenas é por tanto: o espazo, un espazo cambiante que se emprega para o encontro mesurado pola pandemia.

Chea de múltiples xéneros, de ambigüidade e de contemporaneidade, esta edición abre as portas a creacións diversas nas que cada quen fala desde a liberación de poder actuar ante o público.

Proxectos por estrear, estreados con atraso, ou creados en site specific darán como resultado a continuidade dos propios artistas e do festival como vínculo de todos/as eles/as. Escenas do cambio 2021 énchese de:

Propostas multidisciplinares: O recordo como punto temático, efémero e complexo. Escribir poemas en mistos para que a poesía siga viva, pasear da man de Robert Walser por Santiago de Compostela para que a liberdade creativa do escritor estoure na cidade.

A lembranza dos que nos deixaron por propia vontade nas notas de suicidio ou avanzar repasando o noso pasado en Antes. Profundar no recordo dos clásicos nunha nova visión contemporánea con Romeo e Julieta a partir de Prokoviev. E coas francesas Toujours après minuit evocar o seu primeiro traballo de finais do S. XX; pasado e presente máis unidos ca nunca na palabra e no xesto.

Innovación inherente ás compañías: Matarile segue a escudriñar temáticas para modificar un teatro obsoleto de fórmulas trilladas dando paso a súa maneira de expor os novos formatos. Así mesmo, Sleepwalk Collective continúa esta liña de innovación recreando un espazo e un discurso subversivos desde a orixe dos nosos pensamentos infantís trazados por o lapis de Walt Disney. Desde O Xapón, o vídeo-evento de Hiroaki Umeda, levaranos a contemplar a súa danza en tempo real, realizada a miles de quilómetros.

Site specific: Tomando espazos e explorando neles, tanto Ana Matey como Nuria Sotelo, María Roja, Kirenia Martínez, Paula Quintas, Begoña Cuquejo e Clara Ferrao, farán que a Cidade da Cultura se mergulla nos seus corpos e viceversa, a través dun traxecto único e irrepetible.

Todos e todas terán como centro os espazos tanto virtuais como físicos para combater as distancias e para perseverar na proximidade.

Lola Correa. Directora do Festival Escenas do cambio 2021