MUSEO CENTRO GAIÁS Cidade da Cultura de Galicia. Monte Gaiás s/n

Principal escenario de Escenas do cambio desde a súa primeira edición. A súa beleza e flexibilidade converten a este edificio da Cidade da Cultura de Galicia no espazo perfecto para acoller exposicións de gran dimensión, eventos culturais e espectáculos de artes escénicas.
Andar -1: Sala 1 e Sala 2.

EDIFICIO CINC Cidade da Cultura de Galicia. Monte Gaiás s/n

Sede da Fundación Cidade da Cultura e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, que aglutina os servizos tecnolóxicos da Administración galega. Ten varios auditorios para a celebración de eventos ou espectáculos, entre os que se atopa o Salón de Convencións.

GALERÍA DE SERVIZOS DO GAIÁS Cidade da Cultura de Galicia. Monte Gaiás s/n

Galería de túneles que percorre os sotos do complexo e conecta entre si os diferentes edificios da Cidade da Cultura. Empregado de maneira principal para facilitar o acceso de materiais a cada espazo e tamén como escenario de espectáculos escénicos e musicais.

CAMPO DO GAIÁS Cidade da Cultura de Galicia. Monte Gaiás s/n

Espazo multifuncional situado a carón da zona de aparcamentos e da porta de acceso rodado ao Gaiás tanto desde autoestrada como dende o centro de Santiago de Compostela. Inclúe un espazo-escenario nunha depresión do terreo con disposición de gradas a modo de terraza que conforma un auditorio natural.

SALÓN TEATRO Rúa Nova, 34 - Santiago de Compostela

Situado na zona histórica de Santiago de Compostela, o Salón Teatro foi inaugurado de novo en 1999 tras unha intervención arquitectónica que permitiu recuperar para a escena este espazo do ano 1920, despois de dúas décadas sen representacións. Xestionado na actualidade pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a través de Agadic, o teatro acolle a exhibición en Compostela de todas as producións do Centro Dramático Galego — que ten aquí a súa sede —, ademais dunha programación aberta ás distintas disciplinas escénicas, á música e ao cinema. A súa capacidade é de 272 butacas.

IGREXA DA UNIVERSIDADE Praza da Universidade s/n - Santiago de Compostela

Construída polos xesuítas no S. XVII, pertenceu ao colexio da Compañía de Xesús ata que pasou a ser a capela da Universidade de Santiago de Compostela no século XVIII. Atesoura valiosos retablos barrocos no seu interior, entre os que destaca o retablo maior, de Simón Rodríguez. Na actualidade emprégase de maneira activa como sala de exposicións e escenario de diversos espectáculos organizados pola USC.

Librería Follas Novas LIBRERÍA FOLLAS NOVAS Rúa de Montero Ríos, 37 - Santiago de Compostela

A historia da Librería Follas Novas comeza en decembro de 1971, fundada por tres curas nun pequeno espazo de 95 m2. Orientada inicialmente ao libro universitario, ao pouco tempo un dos seus fundadores, Rafael Silva Costoyas, abandona a carreira eclesiástica para pórse á fronte da librería e da súa editorial. O seu irmán, Amador, asumiu despois a dirección e dedicou a súa vida a ampliar o local, ata ocupar os seus 750 m2 actuais. A historia de Follas Novas tamén é a historia das persoas que pasaron pola librería ao longo dos anos: colaboradores, autores, clientes e familias que aínda lembran o olor dos libros de contos da súa infancia.

FISTERRA: CEMITERIO DE PORTELA - PRAIA DA LANGOSTEIRA Municipio de Fisterra (A Coruña)

Cabo do mundo coñecido para as antigas civilizacións celta e romana, Fisterra é tamén punto final da última ruta xacobea que seguen moitos peregrinos tras chegar a Santiago de Compostela, para cumprir rituais de fin do Camiño como o de bañarse nas augas do Atlántico ou ver desaparecer o sol no horizonte do mar. A vila, o cemiterio municipal deseñado polo arquitecto César Portela e a praia de Langosteira deste municipio da Costa da Morte transfórmanse tamén en escenario para a peza itinerante que Marc Caellas e Esteban Feune de Colombi traen a Escenas do cambio 2022.