Gaiás, Cidade da Cultura
Escenas do cambio 2022

Festival de teatro,
danza e arte en acción

Coloquio-recital en homenaxe a María Casares

Pedro Soler, Anne Plantagenet e Lluís Pasqual

Xoves 5 de maio 11.30h
Cidade da Cultura, Museo Centro Gaiás. Andar 0

Un encontro para compartir a memoria e reivindicar a pegada na historia de María Casares como pioneira e referente do teatro do século XX. Coa participación de:

  • Pedro Soler. Guitarrista que se iniciou no flamenco da man dos andaluces exiliados da súa cidade natal e acompañou a María Casares ao longo da súa carreira. Ofrecerá un breve recital ao final do acto, no que interpretará algunhas das pezas da súa actuación con María Casares en Collioure (Francia) en 1989, acompañado da voz da propia actriz, que foi recuperada nunha gravación para esta ocasión.
  • Anne Plantagenet. Escritora e autora da biografía L‘Unique, Maria Casarès (La única, María Casares. Alba Editorial 2021), dedicado á actriz galega e baseado na súa correspondencia amorosa con Albert Camus.
  • Lluís Pasqual. Director e actor de teatro. Fundador e membro do consello de dirección do Teatre Lliure, Premio Nacional de Teatro. Tivo o privilexio de asistir como espectador a varias das representacións de María Casares.
  • Conduce o coloquio Lola Correa, directora artística de Escenas do cambio 2022.

 

Pedro Soler.- Nace en 1938 en Toulouse, entón capital da España republicana no exilio. Fascinado pola arte flamenca, é iniciado nesta por andaluces exiliados, especialmente polo granadino J.M. Rodríguez. Posteriormente, o cantaor Jacinto Almadén lévao con el a Madrid, e noméao segundo guitarrista da súa compañía Sons Negros. O primeiro guitarrista é o afamado Pepe de Badajoz, quen se convertería no seu amigo e mestre.

A bailaora “La Joselito” adóptao e transmítelle a arte de acompañar o flamenco. Despois da morte de Almadén, Pedro Soler pasa longos anos á beira dos mestres Pepe de la Maltrona e Juan Varea. Acompaña ocasionalmente a Carmen Amaya, Carmen Albéniz, Enrique Morente, Miguel Vargas, Carmen Linares e a Inés Bacán. Tamén realiza numerosos recitais como solista por todo o mundo. Canda Germaine Montero, María Casares e con Anne Alvaro crea recitais de poesía ao redor de Lorca e Machado. 

Máis recentemente, Pedro Soler gravou os discos Barlande (2010) e Al viento (2016), acompañado polo violonchelista Gaspar Claus e Serrana (2017) coa cantaora flamenca Inés Bacán e de novo Gaspar Claus co seu violonchelo.

Anne Plantagenet.- A escritora Anne Plantagenet (Joigny, 1972) pasou a súa infancia na rexión do Aube e logo viviu en Dijon, Londres e Sevilla antes de se establecer en París. Impartiu clases no estranxeiro e no Instituto de Estudos Políticos de París. Tamén dirixe obradoiros de escritura e é conferenciante habitual en escolas. É autora dunha quincena de libros, novelas, contos, relatos, biografías e dunha trintena de traducións do español.

Os seus textos exploran a cuestión da identidade, o exilio, a parella e o amor. O seu último libro, L ‘Unique, Maria Casarès, dedicado á actriz galega e baseado na súa correspondencia amorosa con Albert Camus, foi publicado en España por Alba Editorial con tradución de Juan Vivanco.

Lluís Pasqual.- Lluís Pasqual (Reus, 1951) iniciouse na dirección teatral en 1968 con Roots, de Arnold Wesker. Foi un dos fundadores do Teatre Lliure de Barcelona e estivo a cargo da súa dirección durante os anos 1998-2000 e 2011-2018. Ao longo da súa carreira foi director do Centro Dramático Nacional, do Odéon-Théâtre de l’Europe de París, responsable do apartado escénico da Bienal de Venecia entre 1995 e 1996 e comisario do proxecto Ciutat del Teatre de Barcelona entre 1997 e 1999. No 2004 entrou a formar parte do Teatro Arriaga de Bilbao como asesor artístico e tamén se incorporou ao proxecto do Teatro Soho CaixaBank en Málaga.

Recibiu o Premio Nacional de Teatro da Generalitat, o Premio Nacional de Teatro do Ministerio de Cultura, o Premio Cidade de Barcelona, a Cruz de Sant Jordi da Generalitat de Catalunya e foi nomeado Cabaleiro e Oficial das Artes e das Letras e Cabaleiro da Lexión de Honra polo goberno francés. En 2018 foi galardoado co Premio Atlántida e a Medalla de Ouro ao Mérito das Belas Artes.

Coloquio-recital en homenaxe a María Casares Xoves 5 de maio, 11.30h Cidade da Cultura Museo Centro Gaiás. Andar 0