Gaiás, Cidade da Cultura
Escenas do cambio 2022

Festival de teatro,
danza e arte en acción

Escenas (Con)Textualizadas

Helen Bertels, Gena Baamonde, Helena Varela, Ana Abad de Larriva, Ana Vallés

Sábado 7 de maio 19h
Cidade da Cultura, Itinerante polo Museo Centro Gaiás | Punto de encontro na entrada do museo

Escenas (Con)Textualizadas continúa o proxecto iniciado con Escenas en danza na edición anterior do festival, coa idea de reunir a distintas artistas galegas que, de maneira individual pero coa idea de colectivo, traballen na creación dunha peza que busca atravesar as entrañas do Museo Centro Gaiás cun percorrido singular, para expresar nun itinerario a arte do texto. Nesta ocasión a voz será o vehículo e foco de, unha vez máis, un espazo excepcional que descubrirá, a través deste traxecto, a nova escena en novos espazos.

Cinco creadoras galegas poñen a súa voz ao eco silencioso e máxico do recuncho elixido por elas como resoador da súa proposta artística.

Murmurios cuánticos. Helena Varela

Aproveitar o corpo para mudar a voz, para mudar a pel. Crebar a palabra. Mmmmmm son. Gozar. A microscopía da palabra como goce para construír o verdadeiro. O primeiro murmurio.

Murmurios Cuánticos é un traballo en proceso que emprega o microscópico da pel para construír unha linguaxe propia do meu universo feminino.

Helena Varela.- Titulada Superior en Arte Dramática pola ESAD de Galicia e Máster en Artes Escénicas pola Universidade de Vigo. Performer, actriz, produtora e distribuidora do colectivo Cinema Sticado, colectivo formado xunto con Xosel Díez con longo percorrido por festivais nacionais e internacionais, destacando Polonia, Bulgaria, Suíza e Portugal entre outros. Premiada no Festival AnimArt en Łódź (Polonia) en 2017 —Premio ao achegamento máis innovador á arte do teatro de monicreques— e no XXVI International Puppet Theatre Festival de Plovdiv (Bulgaria) en 2021 —Premio á Innovación tecnolóxica no desenvolvemento dunha nova linguaxe escénica—. Ademais, participou en producións audiovisuais como 9 Fugas e A Esmorga e forma parte do colectivo Estroar, integrado por artistas como Rosa Neutro e EstudioIA, con sede na península do Morrazo.

SEX. Helen Bertels

Mostrar a dor da apertura
Ao chegar alí
Total ausencia de tensión
Mirada cara ao ceo
Nada está pechado, nin os ollos, nin a boca
Logo a risa que dá paso a un pranto profundo
Desesperación, mentres a miña man me toca, para saber se sigo aquí
No-no-no

Desexo ser débil
Desexo ser vulnerable.
Desexo entrega.

SEX nace da reflexión sobre a soidade e quizais a loucura, sobre a apertura, a busca de conexión e o encontro co baleiro.

Helen Bertels.- A actriz, autora e artista alemá establecida en Santiago de Compostela. Formouse e traballou no Teatro Galán, en En Pé de Pedra e coa compañía Matarile Teatro durante case 10 anos. Logo da súa formación no CECC (Centro d’Estudis Cinematogràfics de Catalunya) empeza a explorar outras maneiras de expresión e comeza o seu traballo profesional como escritora (última publicación Diario de Nimiedades), artista plástica (Poemas Visuais – series de collage de técnica mixta), como actriz nas súas propias creacións (Wir Frauen, Amor, Nimiedades) e en cine e TV (Migas de pan,Vergüenza, Cuéntame cómo pasó, Luarada).

Aos claros dos bosques non se vai preguntar. Ana Vallés

“Algunha figura nesta distancia anda a piques de mostrarse. Figuras que a visión apetece na súa cegueira nunca vencida por resplandor algún. Algún animal sen fábula mira desde esta distancia. Algún farrapo despréndese dunha brancura non vista, algo, algo que non é signo. E a luz non se reflicte nin se curva nin se estende”. María Zambrano, Claros do bosque.

Ana Vallés.- Autora, directora e actriz. Directora habitual da compañía Matarile Teatro desde a súa fundación en 1986, xunto con Baltasar Patiño, colabora frecuentemente con outras compañías e institucións. Desde Matarile xestionou espazos para a creación e difusión como o Teatro Galán e o festival internacional de danza En Pé de Pedra. A súa última creación, INLOCA, acaba de ser estreada en coprodución co Centro Dramático Nacional. Precedida por El diablo en la playa, INLOCA está incluída na Trilogía de la Fragilidad, cuxa terceira parte desenvolverase en 2023.

Ser tomada por granito (con Ursula K. Le Guin). Gena Baamonde

Esta peza sitúase nos espazos de vulnerabilidade e cuestiona o que se entende por fortaleza. Indaga nesas coordenadas espazo-temporais onde o mundo parece ser un lapso de tempo suspenso e os cor-pos acaban por converterse nun muro de pedra infranqueable para as emocións.

Gena Baamonde.- Creadora, directora, investigadora e intérprete con ampla traxectoria na escena contemporánea. Interesada nas bastardaxes disciplinares e na tríade sexo-xénero-sexualidades. Doutora en Belas Artes, titulada en dirección de escena, forma parte do colectivo VACAburra xunto á Andrea Quintana co que estrearon as pezas O Raro é que bailar sexa raro, Metodoloxías carroñeras para corpos invertidos, Festina Lente e Extravíos. Entre os seus últimos traballos atópase a dirección de Trilogía de Naxos para Brigitte Vasallo, Comando Comadres para Matrioshka Teatro e participa na dramaturxia da compañía de danza Elahood no seu novo espectáculo .

Sobre o baleiro. Ana Abad de Larriva

“Ás veces pregúntome por todo o que queda cando non queda nada. Quero baleirarme e cuspo ruído. Bla, bla, bla. Quero encherme de algo e desborda, porque estou chea de merda, de voces, de ofertas, de medos, de urxencias. Quero escoitarme e escoito o son intermitente do teléfono, dos motores, das alertas. BUM, BUM, BUM. Onde está a billa do desaugue para encherme do baleiro?”.

SOBRE O BALEIRO é unha peza que afonda na sobreestimulación da época actual; na (falsa) necesidade de estarmos permanentemente conectadas, procurando experiencias e oportunidades continuas. É unha peza sobre baleirarse do ruído que nos atorda.

Ana Abad de Larriva.- Actriz, performer e creadora escénica, titulada superior en Arte Dramática na especialidade de Interpretación Xestual pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e doutora en Comunicación pola Universidade de Vigo. Como dramaturga, gañou en 2019 o Premio Roberto Vidal Bolaño de textos teatrais con A sombra das árbores e en 2021 o Premio de Microteatro da Memoria por Un biolo na noite. Entre as súas últimas pezas estreadas ou publicadas atópanse Na memoria da auga; Lama; Na sombra, unha árbore; En caixas e Romper o xeo, bailar a nada. As súas creacións, de corte performativo, están inspiradas polas artes do movemento, a música, a natureza e o universo feminino, cunha visión crítica e comprometida e, á vez, poética e inspiradora.

Ficha técnica

Galicia
Peza colectiva creada ex profeso para 'Escenas do cambio 2022' por Helena Varela, Helen Bertels, Gena Baamonde, Ana Vallés e Ana Abad de Larriva.
Prezo: 9 €

MURMURIOS CUÁNTICOS: Helena Varela.

SEX
Creación e interpretación: Helen Bertels
Fotografía: Miguel Vidal
Agradecementos: A.P., equipo técnico da Cidade da Cultura.

AOS CLAROS DOS BOSQUES NON SE VAI PREGUNTAR
Creación de Ana Vallés coa colaboración de Nuria Sotelo a partir de textos de María Zambrano.

SER TOMADA POR GRATINO (CON URSULA K. LE GUIN)
Dramaturxia e dirección: Gena Baamonde
Intérpretes: Gena Baamonde e Andrea Quintana/ VACAburra

SOBRE O BALEIRO
Creación e interpretación: Ana Abad de Larriva
Colaboración técnica e fotografía: David Rodas

Estrea

Absoluta
Escenas (Con)Textualizadas Sábado 7 de maio, 19h Cidade da Cultura Itinerante polo Museo Centro Gaiás | Punto de encontro na entrada do museo