Hammamturgia xera e capta o fluxo dos corpos e as cousas no espazo, unha sucesión que non explica nada, senón que propón e activa transformacións, unha obra coreográfica en definitiva, que traballa co espazo e o tempo. Entendemos a hammamturgia como o outro da dramaturxia. A dramaturxia sería así a acción de crear, compoñer e interpretar unha obra. A hammamturgia, en cambio, remite a unha relación coas condicións atmosféricas que producen a transformación da forma/obra, o paso para dar é estar dentro, atravesando, ser o que nos move e non vemos.
O espazo mesmo estase construíndo e/ou transformando durante a acción, á vista dos espectadores. Este espazo non é máis que un ambiente compartido. Un ambiente no que non se distingue un fóra dun dentro. É só unha membrana, na que respiramos (e vivimos, polo menos durante este tempo) xuntos.
A forma que este feito adquire en Hammamturgia é facer o ambiente e co ambiente. Dalgunha forma facemos a casa desde dentro transformando aos poucos, suavemente, o lugar ao que chegamos —e ao que chamamos teatro— noutro sitio.
Transformámolo e facemos visible esta transformación. Non se trata de facer de principio a fin un ambiente, senón facer algo coas condicións que o constitúen.
Societat Doctor Alonso
A Societat Doctor Alonso, creada en 2001 e dirixida por Tomàs Aragay (director de teatro e dramaturgo) e Sofía Asencio (bailarina e coreógrafa) construíu unha linguaxe que atopa unha das súas claves fundamentais no concepto do desprazamento. De situar algo fóra do seu lugar, ámbito ou espazo propio, para indagar como este desprazamento modifica a linguaxe tanto en canto á súa gramática constitutiva como en canto á lectura que un observador pode facer: desprazar para desvelar algo. Este manobra de desprazamento revelouse como unha ferramenta eficaz para xerar espazos de discurso poético que poñan en cuestión o status quo da nosa comprensión da realidade.